Estás en:Novas

Cambre renova os parques infantís de Anceis e Andeiro con cargo ao Plan Único da Deputación

As actuacións incluirán a substitución do pavimento, restauración dos elementos de xogo existentes e colocación de outros novos e instalación de mobiliario

As tarefas suporán un investimento de 61.766,19 euros con cargo ao Plan Único

Cambre renova os parques infantís de Anceis e Andeiro con cargo ao Plan Único da Deputación

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, a renovación dos parques infantís de Andeiro e Anceis, no concello de Cambre. As actuacións, que están en fase de licitación, contan cun orzamento de 61.766,19 euros.

As tarefas de mantemento e conservación destes espazos de xogo infantís inclúen unha serie de accións que permitirán mellorar as áreas de ocio para a rapazada do municipio. Entre elas, substituirase o pavimento de ambos parques, eliminando o solo en árido ou casca de pino actual por un de caucho continuo, a través do que se busca mellorar a seguridade dos nenos e nenas que empreguen estas áreas.

Tamén se levarán a cabo traballos de restauración dos elementos de xogo existentes, así como a colocación de outros novos. Por último, instalarase novo mobiliario. As actuacións de acondicionamento permitirán habilitar espazos de lecer máis completos para os nenos e nenas.

As obras están en fase de licitación e as empresas interesadas poderán enviar as súas propostas ata o vindeiro día 17 de marzo de 2021. O seu prazo de execución é de 4 meses.

Desde a súa creación en 2016, o Plan Único permitiu crear ou renovar un total de 68 parques públicos na provincia, a maioría deles parques infantís e biosaudables, cun investimento próximo aos 6,9 millóns de euros.

Páxinas suxeridas