Estás en:Novas

González Formoso acorda co ministro Rodriguez Uribes impulsar un plan piloto para a dixitalización dos arquivos municipais da provincia da Coruña

O presidente da Deputación reuniuse en Madrid co ministro de Cultura e Deporte, ao que agradeceu o interese mostrado polo proxecto, destinado a conservar a documentación histórica dos municipios coruñeses e facela accesible á cidadanía

González Formoso acorda co ministro Rodriguez Uribes impulsar un plan piloto para a dixitalización dos arquivos municipais da provincia da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse en Madrid co ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, ao que lle expuxo o proxecto do Goberno provincial para iniciar un plan piloto de dixitalización e catalogación dos arquivos municipais da provincia.

Segundo explicou o presidente da Deputación trataríase dunha iniciativa "ambiciosa e pioneira en España", coa que a institución provincial pretende estender o Plan de Dixitalización que desde hai máis dunha década leva realizando cos fondos do seu propio Arquivo provincial aos 93 concellos coruñeses, comezando por aqueles máis pequenos, con menores recursos técnicos e económicos para conservar e inventariar o seu patrimonio documental e levar a cabo este tipo de tarefas.

"Os documentos que se gardan nos arquivos municipais son unha peza fundamental da memoria colectiva da provincia da Coruña e de Galicia e constitúen unha fonte de enorme valor para coñecer o noso pasado", afirmou González Formoso, que explicou que o Plan de Dixitalización de Arquivos Municipais non só evitará o deterioro ou perda de documentación de gran valor histórico e diminuirá o espazo físico que as administracións locais precisan para conservar os documentos en condicións adecuadas, "senón que universalizará o acceso aos documentos que custodian os arquivos municipais da provincia, facéndoos máis accesibles para os investigadores e para a cidadanía en xeral".

Formoso destacou o "carácter pioneiro" do proxecto, no que a Deputación se encargaría da dixitalización dos diferentes arquivos municipais da provincia da Coruña, devolvendo posteriormente os documentos orixinais aos concellos para a súa custodia e facilitando unha copia dixital dos mesmos, ao tempo que se crearía un gran repositorio provincial online para permitir a consulta dos documentos.

Valentín González Formoso agradeceu o "interese mostrado polo ministro Rodríguez Uribes nos detalles do proxecto" así como a disposición do Ministerio de Cultura a estudar a súa colaboración neste ambicioso Plan de Dixitalización de Arquivos Municipais, que debido á súa complexidade e ao importante volume de documentos que abarca se desenvolvería en varias anualidades e requirirá da cooperación económica, técnica e administrativa de distintas administracións, polo que ademais do Ministerio de Cultura, o goberno provincial trasladará o proxecto tamén á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Páxinas suxeridas