Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 889.783 euros as obras de ampliación da estrada DP-7802 de Roxos a Reborido, en Santiago

As obras permitirán ensanchar ata os 9 metros os primeiros 2,6 quilómetros da estrada que conecta os núcleos de Roxos e Frais, onde se cruza co Camiño Santiago-Fisterra

A vía contará tamén con beiravías de seguridade laterais para os peóns

O prazo de execución das obras é de un ano

A Deputación adxudica por 889.783 euros as obras de ampliación da estrada DP-7802 de Roxos a Reborido, en Santiago

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 889.783,72 euros a primeira fase das obras de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial DP 7802 de Roxos a Reborido, en Santiago de Compostela. A sede da institución provincial acolle mañá a sinatura do contrato, que terá un prazo de execución de doce meses.

O Goberno provincial presidido por Valentín González Formoso dá así luz verde definitiva á execución dunhas obras que suporán unha importante mellora da seguridade do tráfico, ao contemplar un ancheamento da calzada e a creación de beiravías de seguridade nos laterais.

Nesta primeira fase levarase a cabo o ancheamento e mellora da vía dende o punto quilométrico 0+390 (Roxos) até o 2+620, unha vez atravesado o núcleo rural de Frais. O seguinte quilómetro 2+620 ao 3+710 (Reborido) será obxecto da segunda fase.

O inicio da estrada (PK 0+000) ten lugar en Roxos, enclave próximo a Santiago con carácter urbano no que se inicia unha estrada de dous carrís cun ancho de 7 metros, franxas para aparcadoiro e beirarrúas en ambas marxes, que conforman unha plataforma total de 16 metros nos primeiros 400 metros da vía.

A partir do PK 0+400, onde comezarán as obras, a plataforma redúcese considerablemente e desaparecen as zonas de estacionamento e as beirarrúas, cun ancho de estrada que varía dende os 6 aos 4 metros no tramo que vai ata o PK 1+060 (fin do núcleo de Roxos). Cabe destacar que nesta zona se produce un cruce co Camiño Santiago-Fisterra-Muxía.

Unha vez rematado o núcleo de Roxos, no tramo que vai ata Frais (PK 1+060 ao 2+100) a calzada ten unha anchura de entre 5 e 6 metros, aínda que existen tramos máis estreitos como o que discorre na ponte sobre o rego de Roxos (3,90 metros de ancho). O último tramo (ata o PK 2+620) atravesa o núcleo rural de Frais, cunha anchura media de calzada de 4,4 metros.

Esta primeira fase do proxecto contempla a ampliación da vía nos 2,6 primeiros quilómetros do seu percorrido, ao seu paso polos núcleos de Roxos e Frais. A calzada contará con dous carrís de 3,5 metros, con beiravías de un metro a cada lado, totalizando un ancho de plataforma de 9 metros.

O proxecto inclúe ademais a pavimentación de todo o tramo, dotándoo dunha nova capa de rodaxe con base de lastro artificial e superficie de mestura bituminosa en quente e rego de adherencia en toda a plataforma, así como a instalación de novo sistema de drenaxe. Tamén se inclúe a renovación da sinalización horizontal e vertical.

Páxinas suxeridas