Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 363.128 euros as obras de mellora da seguridade da estrada DP- 0905, en Monfero

Suporán a renovación do firme en case 7 quilómetros da vía e a renovación da drenaxe para evitar as acumulacións de auga na calzada

Os traballos teñen un prazo de execución de 5 meses

A Deputación adxudica por 363.128 euros as obras de mellora da seguridade da estrada DP- 0905, en Monfero

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 363.18,59 euros as obras de mellora da seguridade viaria da estrada DP 0905 ao seu paso polo termo municipal de Monfero.

As obras atenden a demanda realizada polo alcalde de Monfero, Andrés Feal, ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, na súa última visita oficial ao municipio e suporán a renovación completa do firme da estrada no tramo de case 7 quilómetros que vai do punto quilométrico 26+000 ao 32+800 e que actualmente presenta importantes signos de desgaste e desperfectos na superficie que poden afectar á seguridade do tráfico.

As actuacións comezarán esta mesma primavera con reparacións localizadas nas zonas especialmente deterioradas da vía, polo que circulan unha media de 1.012 vehículos cada día segundo as medicións efectuadas polo servizo provincial de Vías e Obras, incluíndo nalgúns tramos a demolición completa do firme e o saneo da base e subbase e a colocación de novas drenaxes tipo "espiña de peixe" que eviten o perigo que supoñen as actuais acumulacións de auga na calzada.

Renovarase completamente a pavimentación de todo o tramo con mestura asfáltica en quente de cinco centímetros de espesor e renovarase a sinalización vertical e as marcas viais da calzada, o que mellorará notablemente a seguridade do tráfico rodado na zona.

As obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses, executaranse primeiro por unha marxe da estrada e despois pola outra, mantendo en servizo un dos carrís en todo momento.

Páxinas suxeridas