Estás en:Novas

A Deputación da Coruña convoca tres categorías do Premio "Rosalía de Castro" de promoción da lingua galega

Recoñece o labor de persoas, entidades e proxectos na dinamización do galego

A Deputación da Coruña convoca tres categorías do Premio

A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a décimo segunda edición do Premio Rosalía de Castro de promoción da lingua galega que nesta ocasión conta con tres modalidades, unha para persoas, outra para entidades e unha terceira para proxectos para poboación de menor idade.

Premiar ás persoas, proxectos e entidades que destaquen na promoción da lingua galega é o obxectivo do Premio Rosalía de Castro que convoca a súa décima segunda edición con novas bases que amplían as tres as modalidades recoñecidas.

Poderán, desta maneira, presentarse ao premio candidatura das persoas que destaquen na na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os ambientes e con todos os estratos sociais. Tamén poderán gañar o Premio Rosalía as entidades que destaquen na promoción e os proxectos de dinamización lingüística que realicen un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro.

"No proceso de normalización lingüística hai persoas, entidades e proxecto que, desde o compromiso e moitas veces tamén desde o voluntarismo, desenvolven un papel fundamental á hora de subir chanzos no uso da nosa lingua e as institucións temos que recoñecer, como fai o premio Rosalía de Castro, ese labor imprescindíbel para promover o uso do galego", sinala a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño.

A presentación de candidaturas será telemática a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL) e o prazo será até o 31 de maio de 2021.

Pódense consultar as bases na seguinte ligazón: https://bop.dicoruna.es/bopportal/cambioBoletin.do?fechaInput=04/03/2021

Páxinas suxeridas