Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación financia con 657.000 euros a construción de gradas cubertas e vestiarios do campo de fútbol de Brexo, en Cambre

Construirase unha edificación de dúas plantas na parcela anexa ao campo de fútbol dos Pinares financiada con cargo ao Plan Único

O Plan Único da Deputación financia con 657.000 euros a construción de gradas cubertas e vestiarios do campo de fútbol de Brexo, en Cambre

A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único a renovación das instalacións do campo de fútbol de Brexo Lema, en Cambre.O proxecto permitirá construír un edificio que albergará bancadas cubertas e vestiarios.

O ente provincial achega, a través do Plan Único, un investimento de 654.553 euros á iniciativa, que ten un custe total de 657.218 euros. A contía restante achégaa o Concello.

As obras inclúen a construción dunha edificación con dúas plantas na parcela anexa ao campo de fútbol dos Pinares, na parroquia de Brexo. Na planta baixa das novas instalacións atoparanse os vestiarios, a enfermaría e as estancias dedicadas a labores de administración. Ademais, contará cun túnel de acceso ao campo de fútbol. Na planta alta situaranse as bancadas, así como unha cafetería, aseos públicos, un ximnasio e unha sala de reunións e de prensa.

Co obxectivo de garantir a accesibilidade a todas as persoas, a estrutura contará cun ascensor que conectará ambos pisos, ademais dun aseo adaptado. No exterior contémplase a execución dun amplo aparcamento.

As obras atópanse en fase de licitación e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 22 de marzo.

Desde a súa creación, o Plan Único financiou 89 obras de construción ou mellora de infraestruturas deportivas dos municipios da provincia, cun investimento próximo aos 13 millóns de euros.

Páxinas suxeridas