Estás en:Novas

Blas García destaca en Ribeira o apoio da Deputación aos autónomos e pequeno comercio

O deputado de Promoción Económica participou na inauguración da Feira de Inverno de Ribeira

García reuniuse tamén coa Asociación de Empresarios de Ribeira, que demanda melloras na estrada DP 7310

Blas García destaca en Ribeira o apoio da Deputación aos autónomos e pequeno comercio

O deputado de Promoción Económica, Blas García, asistiu en Ribeira xunto ao alcalde da localidade, Manuel Ruíz Rivas, á inauguración da IX Feira de Inverno.

Na súa intervención, García destacou o apoio da Deputación aos autónomos, hostalaría e pequeno comercio para intentar paliar as graves consecuencias económicas da pandemia. Neste sentido, lembrou que a Deputación, en colaboración cos concellos, puxo en marcha o programa PEL-Reactiva, dotado con 12,5 millóns de euros, que en Ribeira supuxo axudas de entre 1.500 e 3.000 euros para 318 pequenas empresas dos sectores máis afectados pola crise.

"Este ano vimos de aprobar outros 12 millóns de euros para un novo plan de axudas. Agora é cando as administracións temos que colaborar cos pequenos negocios que levan un ano coa crise máis grave da historia recente. Agora é cando realmente nos necesitan", afirmou o deputado.

Antes da inauguración da feira, Blas García mantivo unha reunión coa directiva da Asociación de Empresarios de Ribeira, na que expuxeron a necesidades de ampliar a estrada DP 7310, que conecta co polígono industrial da localidade, que prevén ampliar.

García comprometeuse a trasladar a petición dos empresarios ao deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, para o seu estudo e valoración técnica e económica. 

Páxinas suxeridas