Estás en:Novas

A Deputación e o Concello da Capela destinan 75.000 euros para as actividades de dinamización e fomento do emprendemento do novo centro de coworking da localidade

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, asinaron o convenio de colaboración

A Capela súmase á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación que xa dispón de centros en Oleiros, Carballo, Brión, Boiro, Ames e Moeche

A Deputación e o Concello da Capela destinan 75.000 euros para as actividades de dinamización e fomento do emprendemento do novo centro de coworking da localidade

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, asinaron o convenio polo que a institución provincial e o Concello da Capela destinarán 75.000 euros para financiar as actividades de dinamización e fomento do emprendemento no novo centro de coworking da Capela, integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

"O obxectivo do acordo que asinamos hoxe é pór a funcionar a pleno rendemento o novo centro de coworking da Capela, captando ás emprendedoras e emprendedores que darán vida a este espazo e aos que axudaremos a crear, desenvolver e lanzar ao mercado os seus proxectos empresariais", afirmou González Formoso, que explicou que, ao igual que sucede nos outros seis centros da Rede Provincial, a Deputación ofrecerá aos emprendedores "titorización, formación e seguimento continuo dos seus proxectos por parte dun equipo de profesionais".

Así, as empresas que se implanten no centro recibirán asesoramento profesional individualizado sobre os seus negocios. Ademais, recibirán formación continua para dotar os novos/as emprendedores/as dos coñecementos, habilidades e competencias necesarias para que os seus proxectos se transformen en empresas competitivas e duradeiras que no futuro axuden a crear emprego na zona.

Finalmente, a xestión do coworking encargarase de potenciar as posibles sinerxias e colaboracións entre as empresas que se implanten no centro, no que os proxectos relacionados co sector primario (agricultura, gandería...) terán un protagonismo importante.

Capacidade para 12 empresas

O centro de coworking da Capela sitúase no primeiro andar do antigo centro de saúde das Neves, na Capela. O espazo conta cunha superficie de case 180 metros cadrados e capacidade para acoller ata 12 empresas, co obxectivo xerar actividade económica e emprego, ofrecer oportunidades laborais á mocidade e loitar contra a perda de poboación no rural.

O inmoble conta xa con todo o equipamento necesario para a posta en marcha de proxectos empresariais. A zona de traballo divídese en 4 oficinas modulares con mesas, cadeiras, armarios, enchufes e tomas de conexión de banda ancha, ademais dun espazo de traballo conxunto con 8 postos e unha ampla sala de reunións.

O Coworking da Capela é o sétimo centro en sumarse á Rede de Espazos de Coworking que xa integran o Pazo de Arenaza en Oleiros, o Fórum de Carballo, Transformando en Brión, EmprendeLab de Boiro, A Proa en Ames e o coworking de Moeche.

A Rede provincial funciona dun xeito eficiente, de maneira que os distintos centros adheridos prestan un servizo eficaz e coordinado non só no concello no que se emprazan, senón tamén en concellos circundantes, ben atendendo aos límites administrativos da comarca, ben atendendo a outros criterios de eficiencia.

A importancia deste programa radica non só na súa natureza de colaboración público- privada e no seu ámbito de actuación nun dos territorios máis castigados polo baleiramento do rural, senón sobre todo, por todos os recursos que a través del se poñerán en prol do desenvolvemento e benestar do concello da Capela e da provincia da Coruña en xeral, a través da formación e profesionalización, o fomento do espírito emprendedor, a creación de empresas, a mellora da competitividade, a colaboración interempresarial e a atracción de talento novo foráneo.

O presidente da Deputación e o alcalde da Capela destacaron a clara tendencia a alza na demanda de espazos de traballo colaborativo nos últimos tempos, xa que, lonxe de diminuír o interese por este tipo de espazos o coronavirus os está a relanzar debido en grande parte a que moitos emprendedores e novas empresas buscan abaratar custes (como o custe do alugueiro dun local o dunha oficina) e ao auxe do teletraballo.

Páxinas suxeridas