Estás en:Novas

A Deputación adxudica as obras de mellora da estrada provincial de acceso a Corme pola Campara e Pazos

Suporán un investimento próximo aos 300.000 euros para renovar os tres primeiros quilómetros da DP 6805

As obras foron unha das demandas do alcalde, Lois García Carballido, ao presidente da Deputación para mellorar a seguridade dos accesos a Corme

A Deputación adxudica as obras de mellora da estrada provincial de acceso a Corme pola Campara e Pazos

A Deputación da Coruña vén de adxudicar as obras de mellora e renovación do firme dos tres primeiros quilómetros da estrada provincial DP 6805 da Campara a Pazos, en Ponteceso, cun investimento de 291.707 euros. A sede da institución provincial acolle mañá a sinatura do contrato, que permitirá comezar as obras de forma inmediata.

Esta obra foi unha das demandas que lle trasladou o alcalde, Lois García Carballido, ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nunha estrada que rexistra un elevado tráfico de vehículos.

As obras comezarán esta mesma primavera coa apertura de cunetas e limpeza das marxes da vía para continuar despois co fresado e reparación das zonas máis danadas do firme e o acondicionamento dos accesos para evitar que entre a auga nas vivendas.

Dado que o firme actual conta só cun tratamento superficial e é bastante irregular, executarase unha nova capa de regularización de espesor variable e completarase a actuación coa dotación dunha capa de mestura asfáltica en quente de 4 cm de espesor.

As obras incluirán tamén a substitución de 40 metros de baranda metálica galvanizada e a colocación dunha nova bionda de seguridade e a posta a terra das terminacións da bionda xa existente.

O prazo de execución das obras será de cinco meses, polo que se prevé que as obras estean completamente rematadas en outono.

Páxinas suxeridas