Estás en:Novas

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, anima os concellos a programar danza a través da Rede Cultural

Defendeu a proposta na apertura das xornadas sobre danza e artes vivas organizadas pola área de Cultura da deputación da Coruña no Teatro Colón

O encontro forma parte do programa "A Cultura é un Dereito"

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, anima os concellos a programar danza a través da Rede Cultural

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, aproveitou a inauguración das xornadas que se desenvolven este xoves e venres no Teatro Colón para animar a concellos e teatro a programar danza no seu catálogo de espectáculos. As xornadas convocan profesionais de distintos ámbitos da danza e as artes vivas para analizar a situación e facer propostas de futuro sobre o sector.

Máis de oitenta persoas, fundamentalmente do ámbito da creacións, a xestión, a programación e a programación cultural participan ao vivo no Teatro Colón nas xornadas sobre danza e artes vivas, que se desenvolven este xoves día 11 e o venres día 12 no Teatro Colón da Coruña dentro do programa "A Cultura é un Dereito" da área de Cultura da Deputación da Coruña que se pode seguir tamén por streaming.

O encontro, comisariado por Caterina Varela e Sabela Mendoza do proxecto "Cara unha escena plural", convoca as principais axentes do mundo da danza que están a operar no país, de maneira especial, na xestión de festivais e teatros mais tamén na programación municipal e na propia creación, desde a formación de compañías até a proposta de iniciativas formativas.

Xurxo Couto, deputado da Cultura da Deputación da Coruña, presentou as Xornadas de Danza e das Artes Vivas como "un programa completísimo e excelente" e non quixo deixar pasar a ocasión de lanzar unha mensaxe positiva. "Non se fala de abondo da emerxencia na cultura, un sector que está a padecer esta crise da COVID19 con efectos esmagadores pero semella que temos a luz un pouco máis preto", sinalou. Couto destacou, dentro do traballo desenvolvido pola área de Cultura da Deputación, o programa "A cultura é un dereito" como un dispositivo de apoio á creación, ao debate, á participación e á profesionalización no sector cultural entendido en todas as súas formas diversas. "Porque a cultura é un dereito irrenunciable e, diría máis, unha necesidade para todas e todos", remarcou.

O responsable de Cultura da Deputación, que abriu as xornadas xunto ás comisarias Caterina Varela e Sabela Mendoza, promotoras do colectivo Cara unha Escena Plural, animou á contratación de danza e artes do movemento dentro das programacións municipais, achegando estas disciplinas a público máis amplo. "A Rede Cultural da Deputación da Coruña promove a contratación de danza todos os anos e anima os responsables de programación dos concellos a incluíla na súa oferta. Por esa razón, con estas Xornadas tamén queremos incidir na maior presenza das artes do movementos nos espazos culturais; a Rede Cultural é unha ferramenta idónea para potencialas e achegalas a audiencias maiores ", sinala.

Caterina Varela e Sabela Mendoza incidiron na apertura das Xornadas na pluralidade e diversidade necesaria no acceso á cultura. "Un dos obxectivos máis claros do noso traballo e destas xornadas é avanzar cara o acougo, atopar espazo e encaixe nas programacións. Queremos debater sobre a importancia que ten que a danza e as artes do movementos sintonicen, esa é a palabra. Sintonizar co mapa cultural do noso territorio, conectar coa contorna. O noso desexo é construír e dispoñer dun espazo referente para a danza e artes vivas; un espazo vivo e expandido capaz de atender á creación pero tamén á investigación, distribución, mediación, difusión. Queremos, con estas xornadas, imaxinar ese espazo".

O programa abriuse cun encontro sobre a programación de espectáculos de danza coa creadora e directora de Pisando Ovos, Rut Balbís, o xestor de Galiza Danza Contemporánea, Manu Lago; o coreógrafo e investigador, Javier Martín, o director do Teatro Rosalía, Xosé Paulo Rodríguez e a responsábel de programación da AGADIC, María Paredes. As persoas coordinadoras e os responsábeis do Auditorio García Márquez de Oleiros, Diego García; do Teatro Municipal de Tui, Miguel Alfaya; do Auditorio de Outes, Santiago Nieto; do Auditorio de Cariño, Jonathan Miranda; do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón e do Hernán Naval de Ribadeo, Pilar Otero protagonizaron a segunda das mesas redondas dun primeiro bloque que rematou cunha achega ás residencias artísticas con Félix Fernández e Javier Martín.

A crítica e os medios de comunicación son protagonistas do encontro no que participa a directora de Vinte, María Yáñez; o director da Revista Galega de Teatro, Afonso Becerra, o cofundador de Teatro, Rubén Ramos e a xornalista Luísa Castiñeira. A renovación das relacións en termos de sustentabilidade, mobilidade e territorio centrarán o espazo en que intervén a creadora Nuria Sotelo, o xestor Víctor López, o investigador Fran Quiroga e o xerente de Escena Galega, Diego Vázquez.

Nas xornadas, hai lugar tamén para un achegamento á innovación xurídica, a participación e a cooperación coas achegas da avogada Ania González, a xestora Natalia Balseiro ou o director do festival MIT, Roberto Pascual. Fátima Anllo, directora do Observatorio de Creación e Cultura Independente, trasladará unha análise dos datos e a evolución das compañías independentes de danza nos últimos anos, apuntando algunhas propostas de futuro.

Artistas do ámbito da danza abordaran no encontro o tema da participación e colaboración nos procesos de creación en danza con Julia Laport, Sabela Domínguez, Fran Martínez e Xián Martínez xa nun segundo día de programa que rematará cun coloquio aberto sobre os códigos deontolóxicos e as boas prácticas das artes vivas co artista e xestor cultural Javier Cuevas, a creadora e xestora Cris Vilariño, a creadora Paula Quintas e a co-directora da Sala Ártika, Fernanda Barrio.. 

Páxinas suxeridas