Estás en:Novas

A Deputación financia a renovación da contorna do antigo campo de fútbol de Vedra para crear un novo espazo verde de lecer

O ente provincial achega un investimento de 87.924 euros para a actuación, enmarcada no Plan Único.

A reforma a levar a cabo no lugar de Fontao, en Vedra, inclúe o acondicionamento de instalacións existentes para darlles unha segunda vida, a construción de nova bancada e novos accesos, así como tarefas de axardinamento e drenaxe

A Deputación financia a renovación da contorna do antigo campo de fútbol de Vedra para crear un novo espazo verde de lecer

A Deputación da Coruña cofinancia a través do Plan Único a remodelación da contorna do antigo campo de fútbol de Vedra para crear un espazo verde público para o lecer destinado á cidadanía. O ente provincial achega 87.924 euros para o proxecto e o Concello de Vedra 29.308. O orzamento total do proxecto ascende a 117.232 euros.

As obras atópanse en fase de licitación, polo que se poden presentar ofertas ata o 29 de marzo. O prazo de execución será de 6 meses.

A través desta iniciativa, a Deputación e o Concello de Vedra pretenden rehabilitar o lugar de Fontao, onde se atopa o antigo campo de fútbol de Vedra, en estado deficiente e de semiabandono, para convertelo nun espazo verde público para a diversión e lecer da cidadanía. O campo sitúase ademais nunha zona privilexiada, xa que nas proximidades están o colexio público, o centro de saúde, o pavillón municipal, a biblioteca e o centro de terceira idade.

As actuacións a levar a cabo dan continuidade ás primeiras accións realizadas no 2017 e inclúen a mellora e acondicionamento do espazo a través de tarefas de axardinado, drenaxe e a construción de novos elementos de xogo e descanso. A reforma dará unha segunda vida ás estruturas das antigas bancadas e vestiarios, que serán acondicionadas e acollerán os baños públicos. Tamén se prepararán para que na última fase da renovación ambas edificacións sexan autosuficientes enerxeticamente. A iniciativa contempla ademais a construción dunha nova bancada de formigón na parte este do campo.

Unha vez demolidos a cantina e os outros vestiarios -ambos fóra da ordenación- e a construída unha nova pista de rodadura, formúlase un espazo público aberto de carácter verde en consonancia coa paisaxe que o rodea e onde se insertarán novos usos deportivos e unha serie de operacións de axardinamento.

O traballo no perímetro do campo completarase cun camiño de acceso á bancada existente e unha baixada en rampla aos vestiarios que se atopan debaixo desta, que tamén serán remodelados. Así pois levarase a cabo a apertura de ventás e portas para iluminar con luz natural o espazo interior. Tamén se dotará ás instalacións dun baño adaptado, armarios e almacéns.

O Plan Único mellora as infraestruturas municipais

En 2017, o Goberno de Valentín González Formoso unificou os diferentes plans provinciais de investimentos e creou o Plan Único (POS+), que concentra o maior investimento nun só plan na historia da Deputación e se adapta ás circunstancias particulares de cada concello, permitindo que sexan os propios municipios os que decidan as súas prioridades á hora de investir os fondos da Deputación.

Desde entón, o Plan Único financiou 2.257 obras de construción e mellora de infraestruturas nos 93 municipios da provincia da Coruña, converténdose nun elemento imprescindible para renovar os equipamentos sociais, culturais e deportivos dos concellos.

Nestes catro anos, sesenta e oito municipios coruñeses, entre eles Vedra, optaron por destinar parte dos fondos do Plan a crear ou mellorar os seus parques públicos, cun investimento total de preto de 7 millóns de euros.

Páxinas suxeridas