Estás en:Novas

A Deputación apoia o traballo de 61 entidades sociais na cidade da Coruña

O presidente Valentín González Formoso e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, visitaron a sede da Cociña Económica

González Formoso destaca o importante labor que desenvolven as entidades sociais "chegando a onde non chega directamente a administración e contribuíndo a mellorar a calidade de vida dos que máis o necesitan"

As axudas de Benestar Social contan este ano cun orzamento de 3 millóns de euros a apoiar ás entidades sociais da provincia

A Deputación apoia o traballo de 61 entidades sociais na cidade da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada responsable da área de Benestar Social, Ana Lamas, visitaron a sede da Cociña Económica na cidade da Coruña.

González Formoso recuperou así unha visita que tiña en axenda hai agora un ano, e que tivo que ser suspendida debido á declaración do Estado de Alarma. Un ano despois, o presidente e a deputada visitaron a sede da entidade na rúa Cordelería da Coruña, onde o presidente da entidade, Jacinto Torres, explicou como está afectando a pandemia á actividade que desenvolven no centro, toda unha institución da cidade herculina onde foi fundada en 1886.

A entidade conta dende hai anos co apoio económico da Deputación da Coruña para desenvolver o seu traballo a través do programa de axudas de Benestar Social para entidades, que este ano suma un orzamento de 3 millóns de euros a través das súas diferentes liñas para o financiamento de programas e servizos sociosanitarios, investimentos e mantemento de centros sociais ou adquisición de novos vehículos de transporte adaptado.

González Formoso destacou "o importante labor que desenvolven as entidades sociais coruñesas, chegando a onde moitas veces non chega directamente a administración e contribuíndo a mellorar o benestar das persoas que máis o necesitan".

"Para a Deputación da Coruña é unha enorme satisfacción ver como a nosa axuda é útil para que institucións como a Cociña Económica poidan seguir desenvolvendo o seu magnífico labor, chegar cos seus servizos a máis persoas e mellorar as súas instalacións", afirmou o presidente.

O ano pasado, 213 entidades sociais da provincia recibiron o apoio económico da área de Benestar Social da Deputación, entre elas 61 asociacións da cidade da Coruña.

A Cociña Económica conta cun comedor social, servizo de reparto de comida a domicilio para persoas sen recursos, servizo de aseo e lavandería, punto solidario de centro de día ou asistencia de traballadores sociais son algúns dos servizos que ofrece a Cociña Económica a centos persoas en situación de pobreza, exclusión social o u sen fogar.

Os responsables da Cociña Económica explicaron que unhas 300 persoas usan a diario o comedor social, que funciona os 365 días do ano, e que nos últimos doce meses experimentaron un incremento notable do reparto de comida para domicilio, que atende a máis de mil familias.

Páxinas suxeridas