Estás en:Novas

A Deputación apoia o concurso escolar “os pequenos co pequeno comercio”

A iniciativa busca sensibilizar á rapazada de entre 11 e 13 anos sobre a importancia do comercio local e da adquisición de produtos feitos en Galicia e España á hora de crear emprego e xerar riqueza nas vilas e cidades
Alumnos de toda a provincia presentan propostas audiovisuais para impulsar o comercio local

A Deputación apoia o concurso escolar “os pequenos co pequeno comercio”

A Deputación da Coruña colabora coa Federación de Entidades Empresariais do Comercio da Provincia da Coruña no impulso do concurso escolar sobre o comercio de proximidade 'Os pequenos co pequeno comercio'. O certame pretende sensibilizar a rapazada sobre a importancia do pequeno comercio e da adquisición de produtos galegos e españois para o desenvolvemento económico e social dos pobos e cidades.

O deputado de Promoción Económica da Deputación, Blas García, e o representante da Federación, Miguel Agromayor, asinaron esta semana o convenio a través do que a institución provincial realiza unha achega máxima de 11.692,23 euros, o 30% do custo total da iniciativa, 38.974,10 euros.

Co certame ambos entes achegaron os nenos e nenas de entre 11 e 13 anos ao comercio local, co obxectivo de resaltar o seu papel chave na creación de emprego e xeración de riqueza.

Para participar no concurso escolar, a rapazada tivo que crear pezas audiovisuais dun máximo de 1 minuto de duración a través das que dar a coñecer os valores, historias e sentimentos que se xeran arredor do comercio local, podendo reflectir nas creacións os seus sentimentos, vivencias, recordos ou experiencias no pequeno comercio.

A iniciativa valorou as pezas nas que se destacaba a importancia do comercio de proximidade, incidindo na necesidade de mercar neste para axudar a superar crises como a que estamos a vivir na actualidade, e que foron orixinais en canto ao uso das novas tecnoloxías na forma de presentar os valores tradicionais do comercio, a súa capacidade de xerar emprego e a presentación de novas ideas ou imaxes de futuro.

Páxinas suxeridas