Estás en:Novas

A Deputación convoca 45 bolsas de 3.500 euros para deportistas da provincia da Coruña

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, visitou o Club Halterofilia Coruña, que conta con 6 bolseiras e bolseiros da Deputación, entre elas Irene Blanco, campioa do mundo sub-17

"Queremos colaborar coas nosas e os nosos deportistas para que poidan desenvolver todo o seu potencial, ter acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel", afirma a deputada

As bases da convocatoria publícanse no BOP de hoxe. O prazo de presentación de solicitudes determinarase tras a publicación na Base Nacional de Subvencións

A Deputación convoca 45 bolsas de 3.500 euros para deportistas da provincia da Coruña

Cristina Capelán coversou coa campiona mundial Sub-17 de Halterofilia e bolseira da Deputación, Irene Blanco

Deputación da Coruña, na súa labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, convoca este ano 45 bolsas deportivas de 3.500 euros destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, anunciou a convocatoria das bolsas, que este ano contan cun orzamento total de 157.500 euros, nunha visita ao Club Halterofilia Coruña, con máis de 150 deportistas federados (90 delas mulleres), dos que seis contan cunha bolsa da Deputación.

Entre eles e elas destacan Irene Blanco, que se proclamou campioa do mundo no último evento da categoría sub-17 celebrado en Las Vegas (EE.UU.) e Víctor Castro, que está preparándose para acudir ao Campionato de Europa absoluto en Moscú e na fase previa dos clasificatorios para os Xogos Olímpicos de Toquio.

"As bolsas para deportistas da Deputación pretenden ser unha axuda para que mozos e mozas como estes sigan colleitando éxitos para o deporte coruñés en todas as disciplinas", apuntou Cristina Capelán, que subliñou que "ademais de premiar o esforzo dos nosos deportistas, queremos colaborar con elas e eles para que podan desenvolver todo o seu potencial, ter acceso á mellor preparación e competir ao máis alto nivel".

A deputada interesouse pola preparación dunha disciplina deportiva tan esixente e especialmente polos éxito que teñen os e as deportistas do club nas categoría base sub 15 e sub 17.

Máis becas e máis dotación económica

Capelán explicou que o Goberno provincial de Valentín González Formoso incrementou notablemente nos últimos anos o importe destinado a bolsas para deportistas, pasando de 30 bolsas de 2.500 euros a 45 bolsas de 3.500 euros. Ademais, ampliouse tamén o rango de idades, permitindo que os deportistas de entre 24 e 30 anos podan participar na convocatoria.

Os/as solicitantes deberán practicar un deporte que pertenza a unha das disciplinas incluídas no programa oficial dos próximos Xogos Olímpicos de Toquio. Ademais, os/as candidatos/as terán que acreditar o seu historial deportivo durante o ano 2020, no que constarán as participacións e os resultados máis importantes obtidos en competicións autonómicas, nacionais e internacionais e o proxecto deportivo da tempada actual.

As bolsas divídense en tres categorías, en función da idade das persoas solicitantes:

Grupo A: 15 bolsas para deportistas de 12 a 17 anos

Grupo B: 15 bolsas para deportistas de 18 a 23 anos

Grupo C: 15 bolsas para deportistas de 24 a 30 anos.

O BOP de hoxe luns publica as bases das bolsas de 2021. O prazo de presentación de solicitudes determinarase nos vindeiros días, tras a súa publicación na Base Nacional de Subvencións.

Páxinas suxeridas