Estás en:Novas

A Deputación e Concello de Arteixo cofinancian con preto de 500.000 euros a construción de dúas sendas peonís no municipio

A Deputación achega a través do Plan Único preto do 50% do orzamento das obras

Unha das sendas, de 441 metros de lonxitude discorrerá pola marxe dereita da estrada AC-552, entre os núcleos de Quinto Pino e A Maceira.

Construirase outra vía peonil de algo máis de 300 metros de lonxitude en Laxobre, onde tamén se acometerá a renovación do alumeado público

A Deputación e Concello de Arteixo cofinancian con preto de 500.000 euros a construción de dúas sendas peonís no municipio

A Deputación da Coruña financia actuacións de mellora da seguridade viaria coa construción de sendas peonís nas parroquias de Arteixo e Pastoriza, no concello de Arteixo. A través do Plan Único, o ente provincial achega preto do 50% do orzamento necesario para levar a cabo as obras, que acaban de saír a licitación.

As obras suporán a construción dunha senda peonil de 441 metros de lonxitude e 1,8 metros de anchura na marxe dereita da estrada AC-552, entre os núcleos de Quinto Pino e A Maceira, na parroquia de Pastoriza. Esta iniciativa permitirá conectar ás sendas existentes na zona -unha delas desde o núcleo de Quinto Pino ata a AC-552, e a outra na entrada do núcleo da Maceira- de forma que ambos lugares conten cunha vía de comunicación acondicionada para os peóns. A actuación inclúe a adaptación do ancho da beirarrúa existente á entrada á Maceira.

A Deputación achega, a través do Plan Único, 136.436 euros dos 281.940,48 euros do custo total da obra. As tarefas proxectadas tamén prevén a instalación de drenaxe de augas pluviais, que constará de sumidoiros, pozos e colectores para recoller as augas de escorrentía que irán a parar ao sistema de pluviais existente.

Senda en Laxobre

A outra actuación proxectada no municipio permitirá comezar coa primeira fase de construción dunha senda de algo máis de 300 metros de lonxitude en Laxobre, na parroquia de Arteixo. Os traballos levaranse a cabo na marxe esquerda da vía municipal CM-0295. A iniciativa contempla a mellora do firme e ampliación da plataforma co obxectivo de incrementar a seguridade desta vía, que soporta unha elevada carga de tráfico, mellorando á súa vez a comunicación da poboación que reside na contorna.

Dentro das tarefas que se van desenvolver tamén se contempla a mellora da iluminación da contorna, coa renovación de 9 puntos de luz por luminarias LED e a instalación de 3 novos puntos. Unha acción que permitirá aforrar custos enerxéticos e económicos ao municipio. Así mesmo, acometeranse as canalizacións de servizos necesarias no núcleo e eliminaranse postes de formigón e cableado aéreo, mellorando a estética do lugar. Ademais, pintarase nova sinalización viaria horizontal e vertical. O Plan Único provincial achega 104.380 dos 215.697 euros do custo total da obra.

As dúas actuacións permitirán mellorar a conexión das persoas que residen en ambas parroquias e mellorar a seguridade da zona para que a poida transitar por elas sen perigo. As iniciativas atópanse en fase de licitación e poderán presentarse propostas ata o vindeiro 13 de abril de 2021.

Páxinas suxeridas