Estás en:Novas

A Deputación achega 18.000 euros para colaborar co Concello de Cee no sostemento da Fundación Fernando Blanco de Lema

Trátase dunha achega extraordinaria para apoiar o mantemento da Fundación, tras a retirada da axuda económica de FerroAltlántica

González Formoso comprometeu o apoio da Deputación na visita do ano pasado ao Museo, na que destacou "o gran legado cultural" que atesoura a Fundación

A Deputación achega 18.000 euros para colaborar co Concello de Cee no sostemento da Fundación Fernando Blanco de Lema

A Deputación da Coruña aprobará no pleno deste venres o convenio coa Fundación Fernando Blanco de Lema polo que a institución provincial achegará 18.000 euros para colaborar no sostemento dos gastos de persoal e o funcionamento do Museo da entidade durante o último ano.

A achega, de carácter extraordinario, pretende contribuír ao mantemento da Fundación tras a retirada da achega económica que nos últimos años lle viña prestando FerroAtlántica. Esta cantidade supón arredor do 50% dos gastos anuais de funcionamento da Fundación, de máis de 38.000 euros. O resto dos fondos son achegados polo Concello de Cee.

Tal como comprometeu o presidente provincial, Valentín González Formoso, coa alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, na visita ao Museo Fernando Blanco do ano pasado, a Deputación destinará estes fondos "a manter o gran legado cultural e educativo" que atesoura esta centenaria entidade e que permitiu que a vila de Cee contara a principios do século XX cos centros educativos gratuítos máis avanzados da época.

Na colección do Museo pódense atopar aparellos de gran valor histórico coma unha máquina de vapor de Watt ou un dos primeiros fonógrafos de Edison, inventado en 1877 e que só trece anos despois estaba a dispor do alumando de Cee. Fósiles, minerais de todo o mundo, telescopios ou material de laboratorio e didáctica adquirido en París e moi avanzado para a época completan a ampla e diversa colección didáctica da Fundación.

Páxinas suxeridas