Estás en:Novas

A Deputación reforza a súa aposta polo deporte feminino

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destaca que a Deputación puntúa desde este ano en todas as súas liñas de subvencións ás entidades que impulsen o deporte feminino

Capelán visitou ao Amarelle Fútbol Sala Feminino, fundado hai 24 anos, e destacou que é un dos clubs pioneiros neste ámbito

A Deputación reforza a súa aposta polo deporte feminino

A deputada responsable da área de Deportes da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, visitou ao Amarelle FSF e mantivo unha reunión coa directiva da entidade, que conta con 115 deportistas federadas, todas elas mulleres.

Capelán destacou a "longa traxectoria de colaboración" entre a Deputación e o club, así como o "brillante palmarés" e as "máis de dúas décadas de compromiso co deporte feminino do Amarelle FSF, un dos clubs pioneiros neste ámbito", que conta co apoio económico da Deputación a través das liñas de subvencións da área de Deportes. O ano pasado, a entidade recibiu axudas por importe de 24.300 para apoiar a súa actividade.

Neste sentido, a deputada destacou que o Amarelle FSF, fundado en 1997, "é todo un referente no deporte feminino" na provincia coruñesa. "Unha aposta coa que coincidimos na Deputación, que desde este ano puntúa en todas as súas liñas de subvencións a presenza de mulleres e a promoción do deporte feminino", afirmou Cristina Capelán.

Son en total de seis liñas de axudas a entidades e clubs deportivos que este ano soben o seu orzamento un 2,3% ata os 4,4 millóns de euros e inclúen tamén entre os gastos subvencionables o material relacionado co protección fronte á Covid-19 coma máscaras, xel hidroalcohólico, termómetros ou probas para a detección do virus.

Capelán interesouse tamén pola situación que atravesa a entidade deportiva e como lle están a afectar as restricións e os estritos protocolos sanitarios derivados da pandemia da Covid-19.

Páxinas suxeridas