Estás en:Novas

A Deputación mantén a colaboración con COGAMI na atención a persoas con discapacidade

O pleno aprobará o venres unha nova cesión do local que a Deputación ten cedido a COGAMI na Milagrosa, que acolle os servizos de intermediación laboral, información, asesoramento, formación e asistencia persoal a persoas con discapacidade

Nestas instalacións realízanse unha media de 970 orientacións laborais de persoas que buscan emprego, xestiónanse centos de ofertas de emprego e fórmanse 60 persoas ao ano

Ana Lamas destaca o gran traballo da federación de COGAMI, que integra a 25 entidades da provincia que traballan no apoio ás persoas con discapacidade

A Deputación mantén a colaboración con COGAMI na atención a persoas con discapacidade

A Deputación da Coruña mantén en 2021 a cesión a COGAMI do local de 557,4 metros cadrados situado na primeira planta no edificio A Milagrosa da Coruña, no que a entidade presta servizos especializados de intermediación laboral, orientación, información, asesoramento, formación e asistencia persoal dirixidos a persoas con discapacidade da comarca.

COGAMI presta servizos na Coruña e comarca desde o ano 2004, cando abriu este punto de atención na cidade de A Coruña para atender as necesidades das persoas con discapacidade da cidade e das comarcas próximas.

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, reuniuse co vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, e co presidente de Amarai, José Luis Costoya, para comunicarlles que o convenio de colaboración para a cesión deste inmoble durante 2021 vén de ser aprobado en comisión e será referendado definitivamente no pleno do vindeiro venres, 26 de marzo.

Esta cesión permitirá a continuidade dos servizos que presta COGAMI dirixidos ás 3.473 persoas que actualmente están inscritas na súa base de datos. Nestas instalacións situadas en A Coruña realízanse unha media de 970 orientacións laborais de persoas que buscan emprego, xestiónanse sobre 250 ofertas laborais nas que adoitan inserirse laboralmente preto de 400 persoas e realízanse unha media de catro cursos nos que saen formadas sobre 60 persoas.

Lamas e Sestayo abordaron tamén as diferentes liñas de colaboración que manteñen desde hai anos a Deputación da Coruña e COGAMI, que integra a 25 entidades da provincia que traballan no apoio ás persoas con discapacidade, especialmente no eido rural, coma Adisbismur, Ambar ou Avante e Amarai, máis tamén con entidades especializadas no traballo con menores (Misela) ou con mulleres (Acadar).

Ramón Sestayo expuxo á responsable da Área Social da Deputación un proxecto para implementar un novo servizo de asesoramento, orientación e apoio ás entidades de COGAMI na provincia, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e fomentar a autonomía das persoas con discapacidade.

O servizo permitiría que as entidades compartirán información con respecto ás actividades e servizos que ofrecen, fomentando as sinerxías; así como ofrecer información e asesoramento personalizado en materia lexislativa sociosanitaria para que as persoas con algún tipo de discapacidade e as súas familias poidan ser informadas en materia de recursos existentes, tratamentos, etc.

Ana Lamas destacou a importancia de xerar sinerxías entre as entidades que forman parte dunha rede tan importante coma COGAMI e comprometeuse a estudar o apoio da Deputación á iniciativa, a través das liñas de subvencións de Benestar Social, que o ano pasado deron soporte económico a máis de 200 iniciativas de entidades sociais da provincia da Coruña.

-

Páxinas suxeridas