Estás en:Novas

A Deputación da Coruña dispón novos materiais sobre Carvalho Calero

A área de Lingua, que dirixe María Muíño, en colaboración con Galiza Cultura, publica un documental, un libro, un documental e materiais arredor da vinculación do autor con distintos concellos da Coruña

A Deputación da Coruña dispón novos materiais sobre Carvalho Calero

Coincidindo co aniversario da súa morte, a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña publica na rede novos materiais sobre Ricardo Carvalho Calero coa idea de difundir a súa figura e a súa obra de maneira especial no ámbito educativo. Entre outras propostas, pon a disposición pública un cómic, unha publicación que percorre a súa vida, un documental e materiais que recuperan a vinculación do autor con distintos concellos da provincia da Coruña.

No aniversario do pasamento de Ricardo Carvalho Calero que aconteceu o 25 de marzo de 1990, a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña pon á disposición pública distintos materiais encamiñados a difundir a figura e a obra do autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

"Queremos contribuír á difusión destes materiais porque coincidimos coa Federación Galiza Cultura en que, dadas as circunstancias provocadas pola Covid, a figura de Ricardo Carvalho Calero non foi conmemorada como correspondía para un autor que, despois de tanto tempo sendo demandado, foi dedicado o Día das Letras Galegas", defende a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño para quen "á marxe de que a Academia decidise dedicar este ano a Xela Arias -unha figura que temos que conmemorar e do que nos alegramos- é necesario manter viva a conmemoración de Carvalho Calero porque é de xustiza conmemorar a quen tanto debemos na nosa literatura e no estudo e promoción da nosa lingua e a nosa cultura".

Con carácter claramente divulgativo, e en colaboración coa Federación Galiza Cultura, a área de Normalización publica na rede o cómic "Amigo Carvalho.Do Halley ao Hubble" con guión e debuxos de Pepe Carreiro . A publicación de bd foi distribuída en 235 centros de secundaria e bacharelato da provincia da Coruña para que poda ser material de uso co alumnado.

Tamén pode consultarse na web unha versión para a lectura da exposición sobre o autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas que se inaugurou en Ferrol, a súa cidade natal e itinerou despois á Coruña e a Carballo. A publicación, que abre cun capítulo dedicado a súa orixe titulado "Eu nascín no Ferrol Vello" percorre a vida do escritor até destacar no fin o amplo legado que deixou tras a súa morte e a repercusión da súa obra nos estudos de lingua e literatura galega e na defensa do noso idioma.

De maneira complementaria, a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña publica un coleccionable -realizado en colaboración co xornal Nós- que destaca a vinculación de Carvalho Calero con distintos concellos da provincia, en especial, co seu Ferrol natal, coa Coruña e con Santiago de Compostela, onde desenvolveu boa parte da súa vida política, intelectual e académica.

Finalmente, a través dos soportes dixitais da Deputación da Coruña pódese acceder tamén ao vídeo conferencia "Carvalho Calero, Lingua e Terra", coa participación de persoas especialistas na obra e a vida do intelectual.

Os materiais están a disposición na seguinte ligazón: https://www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/17-maio-dia-das-letras-galegas/

Páxinas suxeridas