Estás en:Novas

Cultura da Deputación da Coruña convida a volver ás salas para conmemorar o Día Mundial do Teatro

Ofrece entradas para asistir á obra "32 m²" de ButacaZero en Arteixo o día 28 de marzo e a "... E poñerán esposas ás flores" da Compañía Stracciatella Teatro no Teatro Colón o 3 de abril

Cultura da Deputación da Coruña convida a volver ás salas para conmemorar o Día Mundial do Teatro

A área de Cultura da Deputación da Coruña súmase á conmemoración do Día Mundial do Teatro convidando a volver ás salas con dúas obras de teatro, "32 m²" en Arteixo o día 28 de marzo e "... E poñerán esposas ás flores" no Teatro Colón da Coruña o día 3 de abril.

"A cultura é segura e queremos festexar o Día Mundial do Teatro con dúas obras ao vivo, animando ás persoas a volver ás salas sen medo aínda que si con precaución e cumprindo os protocolos impostos pola Covid-19", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto que considera que esta é "nesta situación que afectou tanto ao sector, a mellor maneira, ao noso ver, de conmemorar a data".

As representacións serán o día 28 de marzo ás 20:00 no Auditorio- CCC de Arteixo coa obra "32 m²" da Compañía ButacaZero e "E poñerán esposas ás flores" o día 3 de abril ás 19:30 no Teatro Colón da Coruña da man da Compañía Stracciatella Teatro.

A área de Cultura da Deputación da Coruña aposta nesta conmemoración do Día Mundial do Teatro (27 de marzo) por animar a volver ao teatro coa representación de dúas obras actuais de temáticas dos nosos tempos. Desta maneira "32 m²" da Compañía ButacaZero leva á escena un texto de Esther F. Carrodeguas coa interpretación de Nuria Gullón e Xurxo Cortázar. A obra ofrece unha visión chea de humor e ironía sobre os días de confinamento provocado pola pandemia.

Pola súa parte, "... E poñerán esposas ás flores" chegará ao escenario do Teatro Colón da Coruña o sábado 3 de abril ás 19:30. A Compañía Stracciatella Teatro leva á escena unha obra de Fernando Arrabal en que se recrea o proceso real contra Julián Grimau achegando ao público á represión e o franquismo a través dun caso que conmoveu o mundo.

A área de Cultura da Deputación da Coruña súmase así á celebración celebración internacional do Día Mundial do Teatro, chamamento nacido en 1961 coa intención de facer visible a importancia e influencia do teatro nas diversas culturas.

As entradas, de carácter gratuíto, están dispoñíbeis na seguinte ligazón:
https://teatrocolon.sacatuentrada.es/es/entradas/e-poneran-esposas-as-flores

Gabinete de Prensa

Páxinas suxeridas