Estás en:Novas

Cultura da Deputación da Coruña apoia o proxecto "Somos Inclusión" de propostas culturais de diversidade funcional

Máis de trinta entidades participan na iniciativa realizada por Artefeito

Intégranse propostas de teatro, música, danza, artes plásticas ou visuais, entre outras

Cultura da Deputación da Coruña apoia o proxecto

O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o coordinador do proxecto, Fran Rei, participaron esta mañá na presentación de "Somos Inclusión", un inventario de propostas artísticas que busca a integración de colectivos con diversidade funcional nas programacións culturais. Na iniciativa participan máis de trinta entidades con propostas de teatro, música, danza, artes plásticas ou visuais, entre outras.

A integración no ámbito cultural, a difusión dos proxectos e a visibilización das actividades dos colectivos que traballan na inclusión de persoas con diversidade funcional e/ou outras capacidades é o obxectivo do proxecto "Somos inclusión", un inventario que realiza Artefeito S. Coop Galega e conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña a través da liña de proxectos singulares.

Na presentación, que se desenvolveu na Deputación da Coruña, ademais do deputado de Cultura, Xurxo Couto e o coordinador, Fran Rei participaron representantes dalgunhas das entidades incluídas no inventario, en concreto, de Demusicade, Down Compostela, ONCE, Centro Ocupacional Pascual Veiga e Proxecto Máscaras

"Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña comprácenos apoiar proxectos como este xa que ten un amplo alcance tanto cultural como social", sinalou Xurxo Couto no inicio da súa intervención na que explicou que o obxectivo de "Somos inclusión" é "difundir propostas e iniciativas promovidas ou realizadas por colectivos con diversidade funcional ou outras capacidades para que cheguen á sociedade". Explicou Xurxo Couto que Cultura da Deputación da Coruña apoia esta iniciativa a través da liña de axudas a proxectos singulares que contou na última convocatoria cun orzamento de 275.000 €.

Pola súa parte Fran Rei, de Artefeito, destacou que, para que a iniciativa cumpra o seu obxectivo necesita o compromiso de tres patas, unha é a das propias entidades, que xa demostraron a súa implicación na iniciativa, mais tamén "axentes culturais, programadores ou dinamizadores que coñezan a información do catálogo e programen estas actividades de 33 entidades que conta con produtos de grande calidade, e, tamén a sociedade, o público, que se pode animar a asistir e participar nestas actividades". Ademais do traballo das propias asociacións, o proxecto inclúe festivais e outras iniciativas, algunhas do ámbito privado ou institucional.

Destacou Fran Rei que a web somosinclusion.gal inclúe un amplo abano de propostas de interese promovidas ou protagonizadas por colectivos de diversidade funcional que mostran o "esforzo, o traballo e tamén a calidade artística".

Na presentación, en representación das entidades, interveu Loli Venancio, da Once, que parabenizou as entidades promotoras, á Deputación e a Artefeito, "por facer realidade este proxecto xa que somos moitos colectivos os que estamos a traballar neste sentido e é moi importante que se nos teña en conta e que se coñeza o traballo e mesmo para coñecernos entre nós". Apuntou tamén que agardan que, "a partir desta iniciativa os programadores culturais tomen nota e incorporen estas actividades para que se difundan".

A iniciativa quere promover e "defender as diversidades e a igualdade de oportunidades, para o que consideramos imprescindible reivindicar o dereito ao ocio e á cultura de todos os sectores da sociedade".

Pódese consultar o proxecto en somosinclusion.gal

Páxinas suxeridas