Estás en:Novas

A Deputación flexibiliza o pago dos tributos municipais que xestiona, que poderán dividirse en 10 mensualidades

Ata o momento o pagamento de impostos como o IBI e o IVTM, que os concellos delegan na administración provincial, realizábase nun único prazo de forma xeral

Os contribuíntes interesados en acollerse ao pago a prazos poden solicitalo en liña ata o 30 de abril na Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou de forma presencial en calquera das oficinas tributarias da Deputación

Ademais, tamén se establece a opción de pagar en dous prazos en período voluntario, para os contribuíntes que o prefiran

A Deputación flexibiliza o pago dos tributos municipais que xestiona, que poderán dividirse en 10 mensualidades

A Deputación da Coruña anuncia que o pago dos tributos municipais de cobro periódico como o  imposto de bens inmobles (IBI) ou o imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) xestionados pola Área Tributaria do ente provincial poderá dividirse en 10 mensualidades anuais.

"Deste xeito, pretendemos dar as maiores facilidades á cidadanía para atender as súas obrigas tributarias nun contexto de dificultades económicas como o que atravesamos debido á pandemia", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que vén de asinar a resolución pola que se aproba esta nova medida e que hoxe se publica no Boletín Oficial da Provincia.

Formoso lembrou que desde o inicio da crise da COVID-19, o Goberno provincial implementou numerosas medidas para facilitar aos contribuíntes o pagamento dos impostos e tributos municipais, como a suspensión de providencias de prema e embargos durante o Estado de Alarma ou a ampliación dos períodos voluntarios de pago.

Ata o momento, o pago dos tributos de cobro periódico, como o IBI e o IVTM, que a Deputación xestiona en numerosos concellos da provincia, só podían realizarse nun único prazo, coa excepción do IBI urbano dos concellos de Ames e Miño, onde xa existía a posibilidade de pagamento en dúas cotas.

Co obxectivo de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias, establécese este sistema especial de pagamento de cotas por recibo que permitirá a quen se acolla flexibilizar os ingresos correspondentes ao período voluntario, polo que poderá dividir o pagamento en 10 mensualidades a partir de 2022 e 7 prazos durante este primeiro ano de vixencia.

As e os contribuíntes interesados/as en acollerse a este plan individualizado deberán presentar a súa solicitude antes do día 30 de abril de 2021. Poderán solicitalo a través da web da Deputación www.dacoruna.gal (Servizos Tributarios/Impresos), da Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou en persoa a través de calquera das oficinas tributarias da Deputación da Coruña.

Os modelos de solicitude poden solicitarse tamén a través do teléfono gratuíto 900 132 204 ou do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal

Dous períodos de pagamento en período voluntario

Entre as novas medidas tamén se establecen dúas datas de pagamento voluntario, o que permitirá á cidadanía que prefira pagar os seus recibos dentro do período voluntario, facelo en dúas metades.

Para calquera dúbida ou consulta, a Deputación mantén aberto o Servizo de Atención ao Contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 e do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a Oficina Virtual Tributaria (https://www.dacoruna.gal/servizos-tributarios/oficina-virtual/) na que se poden realizar trámites, consultas e xestións as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Páxinas suxeridas