Estás en:Novas

O Plan Único financia as obras de mellora da seguridade viaria na Avenida de Compostela, en Boiro

As obras mellorarán a seguridade viaria nun tramo que dá acceso a dous centros públicos de ensino

Renovaranse as beirarrúas, executaranse pasos de peóns elevados e limitarase a velocidade na zona a 30 km/h

O Plan Único financia as obras de mellora da seguridade viaria na Avenida de Compostela, en Boiro

O Plan Único da Deputación da Coruña financia as obras para a mellora da seguridade viaria e accesibilidade no entorno dos centros públicos de ensino da Avenida de Compostela, no municipio de Boiro. A actuación está agora en licitación, por un importe de 50.087,49 euros, con cargo ao POS+2020.

A obra que se pretende executar discorre pola zona urbana de Boiro e, con ela, preténdese dotar de seguridade a unha zona moi sensible da Avenida de Compostela xa que, nuns 200 metros, se concentran os accesos a dous centros públicos de ensino de primaria e un centro de ensino público de secundaria e bacharelato. En horas puntuais concentra unha afluencia de máis dun milleiro de escolares, vehículos particulares e transporte público, nos momentos de entrada e saída das aulas.

A actuación que se vai levar a cabo pretende xerar un espazo de máxima seguridade viaria, limitado a 30 km/h, totalmente accesible e con percorridos seguros para o acceso aos centros de ensino. A obra contempla a reparación das beirarrúas actuais, que teñen numerosas deficiencias e barreiras arquitectónicas, por unhas de pavimento continuo e totalmente accesibles que permitan un acceso cómodo e seguro aos centros.

Vanse executar tamén pasos de peóns elevados, cunha dobre función. Por un lado a de permitir un paso sen obstáculos para persoas con mobilidade reducida e, por outro, servir de elementos redutores de velocidade na zona de acceso aos colexios. Para intensificar a seguridade viaria vaise reforzar a sinalización do chan e vanse instalar redutores de velocidade. Por último vaise proceder á renovación das luminarias, eliminando as obsoletas e instalando unhas de menor altura e maior rendemento luminoso.

Páxinas suxeridas