Estás en:Novas

O Plan Único financia a construción dunha pista de patinaxe e unha tirolina no parque do Camiño Real da Madalena, en Cedeira

A actuación ten un orzamento de máis de 126.000 euros e vai dirixida a revalorizar o interese da zona para a infancia e a mocidade

O Plan Único financia a construción dunha pista de patinaxe e unha tirolina no parque do Camiño Real da Madalena, en Cedeira

A Deputación da Coruña e o Concello de Cedeira financian as obras de construción dunha pista de patinaxe e unha tirolina no parque do Camiño Real da Madalena. As obras, que acaban de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público, contan cun orzamento de 126.012,82€ (IVE incluído) e coa que o goberno local ten o obxectivo de "sumar novos atractivos na vila para a infancia e a mocidade, en definitiva ás familias, nun espazo próximo á praia, con arborado e con todos os elementos para gozar do aire libre con tranquilidade e seguridade", segundo explica o alcalde da localidade, Pablo Moreda.

O skate bowl ou bañeira de patinaxe ocupará o lugar no que agora hai unha fonte circular sen uso. Trátase dunha pista para patinadores, cunha unha superficie irregular e pendentes e formas redondeadas. Terá unha profundidade máxima menor a un metro e pendentes de entre 80 e 90 centímetros, de maneira que ofreza seguridade aos principiantes e que sexa suficientemente atractiva para aqueles máis experimentados co monopatín. A instalación para patinar será de 176 metros cadrados, aínda que a superficie total, co perímetro habilitado, será de 264 metros cadrados.

A tirolina situarase preto da randeeira hexagonal que hai nun dos parques de xogos da zona. Terá 28 metros de largo, cunha altura de catro metros na saída e tres na chegada, e o percorrido terá solo de caucho. Cómpre recordar que o goberno local ten tamén o proxecto de construír neste parque infantil unha cuberta que protexerá da choiva e o vento case toda a zona de xogos, salvo a devandita randeeira.

O concurso para a pista de patinaxe e a tirolina convócase polo procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 15 de abril para presentar as súas ofertas. O prazo de execución será de tres meses.

A Plataforma de Contratación do Sector Público publicou tamén estes días a licitación do proxecto de saneamento na rúa Amor Hermoso, cun investimento de 30.758 euros dos que a Deputación achega 9.294 a través do Plan Único

Páxinas suxeridas