Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 526.826,74 euros a segunda fase das obras Travesía de Serantes, en Ferrol

As obras comezarán esta primavera e teñen un prazo de execución de seis meses

González Formoso destaca que a Deputación "cumpre o compromiso adquirido coa veciñanza e co Goberno municipal de Ferrol" para executar unhas obras que van supor "unha importante mellora da seguridade" na zona

Os traballos darán continuidade á primeira fase, ampliando a estrada ata os 7 metros de ancho dotando á zona de novas beirarrúas, unha demanda histórica dos veciños

A Deputación  adxudica por 526.826,74  euros a segunda fase das obras Travesía de Serantes, en Ferrol

A Deputación da Coruña vén adxudicar por 526.826,74 euros a segunda fase das obras da Travesía de Serantes, en Ferrol. Un orzamento ao que hai que sumar os 226.925,98 euros investidos polo Concello de Ferrol no pagamento das expropiacións dos terreos necesarios para poder executar este ansiado proxecto.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que, coa adxudicación destas obras, "a Deputación culmina un longo camiño e cumpre o compromiso adquirido coa veciñanza e co Goberno municipal de Ferrol, atendendo unha demanda histórica de mellora da seguridade nesta estrada e dando continuidade aos traballos xa realizados nos primeiros 300 metros da estrada".

Formoso detallou que os traballos comezarán esta mesma primavera que o prazo de execución previsto é de seis meses. O presidente indicou que se trata dunha "obra tecnicamente complexa, pero prioritaria para garantir a seguridade viaria nunha zona moi estreita e que carece de beirarrúas para os peóns".

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, expresou tamén a súa satisfacción pola adxudicación "dun proxecto demandado desde hai décadas pola veciñanza de Serantes" . "Desde o inicio do mandato adquirín o compromiso de traballar da man da Deputación para facelo realidade e agora ese compromiso vai quedar cumprido", afirmou Mato, que sinalou que as obras "mellorarán a vertebración do barrio, pero sobre todo a seguridade".

"É un paso máis para levar as beirarrúas ata A Cabana e completar unha actuación que está prevista en tres fases", indicou tamén o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, que incidiu en que "a colaboración institucional entre o Concello de Ferrol e a Deputación que permite desbloquear proxectos importantes para a cidade coma este".

Nesta nova fase, as obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 0+300 e 1+100 e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que contribuirán a mellorar a seguridade peonil nunha zona con numerosas vivendas que rexistra un intenso tráfico de vehículos. O proxecto inclúe tamén a renovación dos servizos afectados (rede de saneamento e abastecemento de auga) e a instalación de nova iluminación con luminarias LED, en lugar das actuais lámpadas de vapor de sodio.

Páxinas suxeridas