Estás en:Novas

Camariñas acolle unha exposición en homenaxe ao traballo das palilleiras

A mostra, titulada 'Palilleiras. Presente e futuro', está formada polas fotografías de Ana García e inclúese dentro dos actos da Mostra do Encaixe-Deputación da Coruña 

O acto contou coa asistencia de alcaldesas e alcaldes da comarca 

Camariñas acolle unha exposición en homenaxe ao traballo das palilleiras

Hoxe a praza da Insuela, fronte á casa consistorial do Concello de Camariñas, acolleu o acto inaugural da exposición 'Palilleiras. Presente e futuro' que permanecerá neste espazo ata o mes de outubro co obxectivo de render homenaxe ao traballo das palilleiras, unha tradición convertida en profesión que forma parte do patrimonio do municipio. A mostra inclúese dentro das actividades da Mostra do Encaixe-Deputación da Coruña.

Trátase dunha pequena homenaxe ao labor e esforzo das palilleiras que, xeración tras xeración, fan do Encaixe de Camariñas unha arte única no mundo. As fotografías dos 22 tótems que se instalarán forman parte dun proxecto realizado en decembro de 2019 por Ana García, fotógrafa da Voz de Galicia.

Un mércores como hoxe, se se celebrase a Mostra tradicional, tería lugar a inauguración oficial e no día de hoxe conmemorouse esta tradición co corte da cinta por parte da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia; e a fotógrafa Ana García.

Sandra Insua, explicou que "poucos homenaxes son tan merecidos como este xa que elas son o maior símbolo de Camariñas e en moitas partes do mundo coñécennos grazas á súa labor e esforzo creando arte a través do encaixe" e felicitou a Ana García "por permitirnos gozar desta fermosa exposición".

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, felicitou ao Goberno municipal de Sandra Insua pola mostra, que "permite visualizar un oficio tan tradicional e emblemático, que vai ligado ao nome de Camariñas".

II Mostra Virtual

Ata o domingo, 4 de abril, terá lugar a segunda edición virtual da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña que presenta novidades con respecto ao ano pasado e nesta ocasión cambiará o seu funcionamento para centrarse na comercialización do encaixe e na publicación das coleccións do certame de Jóvenes Deseñadores en diferentes enclaves turísticos do municipio.

Desde hoxe, mércores 31 de marzo, os espectadores poderán ver os vídeos das coleccións do XXVII certame de Jóvenes Deseñadores. Moitos destes foron gravados por alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña (UDC) en diferentes localizacións do municipio e con modelos locais como protagonistas. Tamén terán o seu propio espazo, entre outros, as palilleiras, as nenas das escolas de palillo ou o voluntariado.

A clausura será o domingo e correrá a cargo da directora da Mostra, Dolores Lema, e da concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro. Ademais, tamén haberá espazo para a música xa que o Grupo Jaque quixo formar parte deste evento cunha versión propia da coñecida canción 'Camariñas'.

As plataformas de emisión da segunda edición da Mostra Virtual serán principalmente a páxina de Facebook da Mostra (@MostradoEncaixe) e tamén haberá contidos no Instagram (@Mostraencaixecamarinas) e na canle de Youtube (@Mostradoencaixe).