Estás en:Novas

A Deputación licita por máis de 1 millón de euros as obras construír un gran itinerario peonil en Corcubión

A senda conectará Quenxe co faro de Cee a través de sendas de ata 2 metros e medio de ancho

O alcalde Manuel Insua destaca "o investimento histórico" que supón a obra para un municipio cun orzamento anual de 1,3 millóns

As actuacións completaranse no futuro co proxecto das Sendas dos Faros, o que permitirá a construción dunha senda peonil arredor de toda a península da Redonda

A Deputación licita por máis de 1 millón de euros as obras construír un gran itinerario peonil en Corcubión

A Deputación da Coruña licita por 1.145.224 euros as obras de construción dunha senda peonil ao longo da estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda. O prazo de execución dos traballos será de 11 meses e as empresas interesadas poderán presentar propostas ata o 26 de abril na Plataforma de Contratación do Estado.

As obras permitirán configurar un gran itinerario peonil no municipio, sendo un dos proxectos con maior investimento da área de Vías e Obras do ente provincial durante este ano e o maior realizado en Corcubión ata o momento.

Os traballos "suporán unha notable mellora na seguridade peonil e un ambicioso proxecto de futuro para crear un gran itinerario peonil que circunde boa parte costa de Corcubión e que permita gozar das paisaxes únicas que ofrece", indicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Pola súa banda, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, manifestou a súa satisfacción polo "investimento histórico" que supón a obra para un municipio que conta con 1,3 millóns de orzamento anual.

"É unha obra moi importante para Corcubión polo investimento que supón e porque vai facer realidade unha antiga demanda do Goberno municipal", sinalou o rexedor, que explicou que a senda conectará Quenxe co Faro de Cee e que, a medio prazo, o percorrido completarase grazas ao proxecto das Sendas dos Faros (que afecta a 11 faros da provincia, entre eles o de Cee), no que traballa tamén a Deputación da Coruña " e que permitirá crear unha gran senda para pasear arredor da península da Redonda".

As obras abarcarán desde o punto quilométrico 0+780 (Quenxe) ao 2+554 bordeando a ría. Executarase a ampliación da vía ata os 7 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros, beiravías de medio metro na marxe esquerda e unha senda peonil de 2 metros de ancho ao longo de toda a marxe esquerda da estrada.

As actuacións prolongaranse tamén ao ramal que conduce ao faro de Cee pasando polo campo de fútbol. Alí a vía contará cunha anchura de 6 metros, con dous carrís de 3 metros, beiravías de medio metro e unha senda peonil de 2 metros.

Dentro das accións tamén se inclúen a recolocación dunha marquesiña, demolición e construción dun muro de pedra, reposición das obras de drenaxe transversal existentes e a drenaxe lonxitudinal e sinalización horizontal e vertical. As obras requiriron a expropiación de máis de 20.200 metros cadrados de terreo.

As actuacións completaranse nun futuro co proxecto da Senda dos Faros, incluído no Plan Director de Mobilidade do Goberno provincial, consistente na construción de rutas ciclistas e peonís que conectarán un total de 11 faros ao longo da provincia, entre eles o de Cee, que se atopa en funcionamento desde  1860.

A Deputación afianza con estes proxectos a súa aposta por un novo modelo de mobilidade, sostible e respectuoso co medio natural que leva non só ás áreas metropolitanas dos grandes concellos, senón aos pequenos concellos rurais da provincia.

Páxinas suxeridas