Estás en:Novas

A Deputación destina 35.000 euros á mellora da Fonte Maceira e da súa contorna, en Paderne

As actuacións enmárcanse dentro do Plan Único provincial e permitirán rehabilitar a antiga fonte e o lavadoiro, así como crear un espazo de lecer para a veciñanza

A Deputación destina 35.000 euros á mellora da Fonte Maceira e da súa contorna, en Paderne

Foto (ARQUIVO). Valentín González e César Longo durante unha visita a Paderne o pasado mes de febreiro

A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único as actuacións de mellora da Fonte Maceira e a súa contorna, no concello de Paderne. As obras, que contan cun presuposto de 35.326,31 euros con cargo ao programa provincial, permitirán rehabilitar a zona e crear á súa vez un novo espazo de lecer para a veciñanza, segundo explicou o alcalde, César Longo Queijo.

As obras contan cun prazo de execución de catro meses e consistirán na rehabilitación da antiga fonte e da zona na que se atopa, incluíndo o acondicionamento deste espazo con novo pavimento de formigón e a instalación dunha varanda de protección. Dentro das accións tamén se recolocará o lavadoiro existente no lugar e conectarase á subministración de auga.

A súa vez, os traballos permitirán crear un espazo de lecer cuberto para a veciñanza no que se instalará unha barbacoa de obra para sete comensais con fregadoiro incluído. Contará tamén con saída de fumes e grellas regulables.

As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 16 de abril de 2021.

Páxinas suxeridas