Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 358.660 euros a segunda fase das obras de ampliación da estrada DP 8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado

As obras anchearán a vía ata os 7,5 metros nun tramo duns cinco quilómetros, dando continuidade ás xa realizadas nos tres primeiros quilómetros da estrada

A Deputación adxudica por 358.660 euros  a segunda fase das obras de ampliación  da estrada DP 8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado

O deputado responsable da área de Vías e Obras da Deputación da Coruña, José Manuel Pequeño, anunciou hoxe que o seu departamento vén de adxudicar a segunda fase das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 8001 de Cruces a Penablanca, no termo municipal de Sobrado, que suporán un investimento de 358.660,94 euros.

"As obras darán continuidade ás xa realizadas pola Deputación da Coruña nos primeiros tres quilómetros da vía  para ampliar a plataforma da estrada de 4,5 a 7,5 metros aproveitando a zona de dominio público existente nas marxes", afirmou Pequeño.

Así, a Deputación da Coruña continuará a ampliación da vía noutro tramo de aproximadamente 5 quilómetros da estrada que discorre entre entre os puntos quilométricos 3+200 e o 7+910, igualando o ancho da estrada en todo o seu percorrido.

Mellora da seguridade

O alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, manifestou a súa satisfacción porque o Goberno provincial de Valentín González Formoso "cumpra o seu compromiso e atenda esta antiga demanda do Concello de Sobrado, facendo realidade unhas obras moi necesarias para garantir que os vehículos poidan circular e cruzarse en condicións de seguridade nunha vía que conecta numerosos núcleos de poboación do municipio e que dá acceso a explotacións gandeiras".

A plataforma da vía pasará dos 4-5 metros actuais aos 7-8 metros, mellorando notablemente a seguridade. As obras incluirán a instalación de drenaxe lonxitudinal, a execución de ribadas nalgúns tramos puntuais do trazado, a renovación completa do pavimento e o pintado e renovación da sinalización horizontal e vertical. Teñen un prazo de execución de seis meses.

Páxinas suxeridas