Estás en:Novas

A Deputación da Coruña acolle a primeira xuntanza para a elaboración do plan director do Parque Compostela Rupestre

Coa sinatura do contrato e a primeira xuntanza na Deputación da Coruña, arrancan os traballos para a elaboración do Plan Director do Parque Compostela Rupestre que se converterá no documento chave para avanzar no proxecto.

Completar a catalogación das gravuras rupestres do territorio será o primeiro paso do programa

A Deputación da Coruña acolle a primeira xuntanza para a elaboración do plan director do Parque Compostela Rupestre

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, e o director da empresa Trivium-Estratexias en cultura e turismo, César Abella asinaron o contrato para a elaboración do Plan Director do Parque Compostela Rupestre para o que se celebrou hoxe a primeira xuntanza xunto co equipo técnico da Deputación.

O Plan director de "Compostela Rupestre" será un documento clave na consolidación do proxecto que inclúe o desenvolvemento de compoñentes interdisciplinares arredor do territorio entre as que se atopan a arqueoloxía, historia, xeografía, cultura, paisaxe, medio ambiente ou urbanismo, entre outras.

A redacción do plan, da que se encargará a empresa Trivium, responde aos obxectivos de investigar e estudar o patrimonio rupestre dos municipios que integran o proxecto; protexer, manter e conservar o patrimonio e o seu ámbito físico e divulgar, comunicar e xestionar o proxecto de maneira que se concreten as actuacións futuras.

A empresa adxudicataria tivo hoxe unha primeira xuntanza con persoal técnico da Deputación da Coruña ademais do deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas para aclarar dúbidas e concretar polo miúdo os primeiros pasos a dar na redacción do documento.

A día de hoxe aínda non se coñece a cantidade exacta de petróglifos ou estacións rupestres incluídas no territorio do proxecto, e seguen aparecendo novos exemplares. O número aproximado ronda os 150 exemplares repartidos nos concellos de Compostela, Teo, Ames, Brión e Val do Dubra. O proxecto conta con presidencia rotatoria por número de habitantes que, despois de Santiago e Ames recae agora no concello de Teo.

O primeiro paso será continuar coa catalogación oficial que se levou a cabo nestes anos ata chegar a referenciar o total das gravuras rupestres coñecidas no territorio. O obxectivo é ter unha idea xeral e de conxunto para despois realizar unha selección dos xacementos máis relevantes en base a multitude de criterios a valorar, entre eles, situación, conservación, accesos etc.

Con este traballo no que participará un equipo multidisciplinar, a empresa Trivium realizará unha proposta final dos petróglifos e dos terreos que son interesantes para que os concellos e a Deputación da Coruña poidan dispor dos mesmos para a súa conservación e posta en valor.

Compostela Rupestre trátase dun proxecto integral a nivel turístico e patrimonial no que ademais das estacións rupestres, tamén formarán parte outros elementos patrimoniais, naturais e de interese paisaxístico dentro da comarca de Compostela.

Despois desta primeira toma de contacto, convocarase unha nova reunión cos concellos participantes do proxecto, a empresa redactora do plan director e o consello asesor para poñer ideas en común, resolver dúbidas e ter en conta suxestións.

Consello Asesor

O Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre conta cun consello asesor que foi creado en febreiro de 2019, integrado por representantes técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, Deputación da Coruña (arquitecto), Universidade de Santiago de Compostela (USC), Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), Asociación A Rula e tres arqueólogos municipais.

Este consello asesor realizou as achegas necesarias para a elaboración das directrices para a redacción do plan director, achegando así todos os coñecementos necesarios para abordar os obxectivos do mesmo.

A información derivada desta investigación permitiu determinar non só as características e peculiaridades do medio físico e do poboamento ao longo da prehistoria e historia senón que, ademais, permitiu identificar tanto as limitacións como as oportunidades para protexer e difundir o patrimonio rupestre da comarca de Compostela.

A secuencia final dos estudos que se realicen debe ser a definición clara de obxectivos, directrices, estratexias e liñas de acción viables para xestionar e impulsar -a curto, medio e longo prazo- o parque arqueolóxico de Compostela Rupestre.