Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 269.210 euros a construción dunha rotonda en Frais (Cambre) para mellorar as conexións cos polígonos de Espíritu Santo e Bergondo

A actuación, que transformará o actual cruce nunha rotonda de 36 metros de diámetro, permitirá mellorar a seguridade viaria nesta intersección da estrada provincial DP-1703 de Espíritu Santo a Frais e a autonómica AC-214 de Guísamo a Sigrás

O prazo de execución dos traballos é de 4 meses e non será necesario desviar o tráfico

A Deputación adxudica por 269.210 euros a construción dunha rotonda en Frais (Cambre) para mellorar as conexións cos polígonos de Espíritu Santo e Bergondo

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 269.210 euros as obras de construción dunha nova rotonda no Concello de Cambre que regulará o cruce da estrada provincial DP-1703 de Espíritu Santo a Frais e a autonómica AC-24 de Guísamo a Sigrás.

Hoxe firmouse o contrato para a execución deste proxecto, que permitirá mellorar a seguridade viaria nunha intersección que actualmente se resolve cun cruce en forma de T e soporta un volume moi elevado de tráfico, especialmente de vehículos pesados, xa que se trata dun vial que empregan numerosos traballadores dos polígonos industriais de Espíritu Santo e Bergondo. Así mesmo, a DP-1703 tamén conecta coa estrada N-VI, funcionando coma eixo transversal de conexión entre os concellos de Bergondo, Cambre e Culleredo. Por este motivo, a intersección actual resulta especialmente conflitiva e incluso perigosa cando conflúen varios vehículos.

A nova rotonda, que se situará no punto quilométrico 2+500 á altura do lugar de Frais, en Cambre, terá un diámetro exterior de 36 metros e contará con dous carrís de circulación. Deste modo, reordenarase a circulación no cruce, eliminando o punto conflitivo e aumentando a capacidade da vía.

O prazo de execución dos traballos estímase en catro meses a partir do seu inicio e o proxecto encargado polo departamento de Vías e Obras da Deputación determina que todas as actuacións se efectuarán sen necesidade de desvíos provisionais do tráfico.

Páxinas suxeridas