Estás en:Novas

A Deputación acolle un programa de prácticas na área de Turismo a través dun convenio coa UDC

O proxecto ofrecerá dúas bolsas curriculares na sede provincial durante 6 meses ao alumnado do Grao en Turismo e do programa de simultaneidade Grao en Turismo e Ciencias Empresariais da Universidade da Coruña.

O acordo de colaboración foi asinado esta mañá na sede provincial polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.

"A través deste plan de cooperación, queremos seguir contribuíndo á formación do alumnado desta ámbito e así conseguir profesionais capacitados e preparados para a súa futura incorporación ao mercado laboral", indicou na sinatura do convenio Valentín González Formoso

A Deputación acolle un programa de prácticas na área de Turismo a través dun convenio coa UDC

O alumnado do Grao en Turismo e do programa de simultaneidade Grao en Turismo e Ciencias Empresariais da Universidade da Coruña (UDC) poderá realizar prácticas curriculares na sede da Deputación da Coruña.

O convenio asinado hoxe polo presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o reitor da UDC, Julio Abalde, permitirá habilitar dúas prazas de prácticas curriculares na área de Turismo da Deputación.

"A través deste plan de cooperación, queremos seguir contribuíndo á formación do alumnado deste ámbito e así conseguir profesionais capacitados e preparados para a súa futura incorporación ao mercado laboral", indicou na sinatura do convenio o presidente provincial, Valentín González Formoso. A Deputación xa leva tempo colaborando coa UDC neste eido, con programas como o dedicado ao alumnado do Mestrado en planificación e xestión de destinos e novos produtos turísticos.

A través deste proxecto o ente provincial acolle dúas bolsas de prácticas na súa sede, no departamento de Promoción e Desenvolvemento Turístico. Estas teñen unha duración máxima de 6 meses (600 horas) e diríxense aos alumnos e alumnas que estean cursando o 4º ano do Grao en Turismo e o 5º do programa de simultaneidade Grao en Turismo e Ciencias Empresariais.

No tempo que pasen na sede provincial poderán coñecer de primeira man as principais liñas de actuación desta sección, aprendendo en materia de planificación da estratexia turística provincial e municipal; organización de feiras e congresos; asistencia ao persoal técnico de turismo dos concellos da provincia; promoción turística en medios de comunicación; deseño de guías e folletos; coordinación do programa de turismo escolar, organizando visitas guiadas ao patrimonio provincial e municipal; dotación de contidos nas redes e páxina web de Turismo; resolución das consultas de particulares; e apoio na documentación de propostas e no procedemento administrativo dos expedientes.

Páxinas suxeridas