Estás en:Novas

A Deputación financia con 85.000 euros a creación dun centro social en Valadiño, Carnota

Remataron as obras de construción do inmoble que conta cun espazo polivalente, unha cociña, un aseo adaptado, un almacén e unha zona para facer grellas.

A iniciativa foi financiada con cargo ao Plan Único provincial

A Deputación financia con 85.000 euros a creación dun centro social en Valadiño, Carnota

A veciñanza do concello de Carnota xa goza dun novo espazo de reunión no municipio co remate das obras do centro social de Valadiño. As instalacións foron financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña cun orzamento de 84.965,80 euros.

A iniciativa desenvolveuse nunha parcela en Valadiño, preto de Vilar de Outeiro, que xa contaba cunha zona edificada e unha pista polideportiva, ás que agora se engade esta nova construción onde se poderán levar a cabo diferentes actividades como reunións, exposicións ou cursos. O inmoble de planta baixa acolle un espazo polivalente de 31 metros cadrados, unha cociña, un aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida e un almacén exterior, onde se gardarán os utensilios da brigada de obras.

Tamén dispón dunha unha terraza cuberta con dúas grellas para uso veciñal. Atendendo a unha boa estratexia bioclimática, a terraza está orientada ao suroeste para dar sombra e resgardar da choiva sen impedir que entren os raios solares na época de frío.

A contorna, que está comunicada pola vía que une Gosende con Arcos, a través da que se accede ao centro, e por unha ruta local de servidume, foi dotada tamén dunha fosa séptica, dado que o lugar non contaba con servizo municipal de saneamento.

Páxinas suxeridas