Estás en:Novas

A exposición ‘Saúde e Terra, irmá(n)s!’ amosa o legado das Irmandades da Fala no Museo do Pobo Galego

A exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!", organizada pola Deputación da Coruña, o Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega, poderá verse desde o 6 de xullo até o 4 de agosto en Santiago de Compostela. Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a mostra xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares.

A exposición ‘Saúde e Terra, irmá(n)s!’ amosa o legado das Irmandades da Fala no Museo do Pobo Galego

A exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!", organizada pola Deputaciónd a Coruña, o Museo do Pobo Galego e a Real Academia Galega, poderá verse desde o 6 de xullo até o 4 de agosto en Santiago de Compostela. Ademais das fotografías e documentos reproducidos, a mostra xunta unhas 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións prestadas para a ocasión por máis dunha trintena de institucións e coleccións particulares.

O 18 de maio de 1916 nacía na Coruña, nunha xuntanza celebrada na daquela sede da Real Academia Galega, na rúa Rego de Auga, a primeira das Irmandades da Fala. Nas semanas seguintes, este movemento concibido polos irmáns Vilar Ponte coa arela de estender o uso do galego a todos os contextos orais e escritos espallouse rapidamente por Galicia. As Irmandades promoverían ademais un novo rexurdimento cultural e tamén unha nova etapa do galeguismo político. Un século despois, a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego están a difundir o legado dos homes e mulleres que fixeron posible este fito que marcou un antes e un despois na historia de Galicia a través da exposición Saúde e Terra, irmá(n)s! Tras pasar pola Fundación Barrié da Coruña, a mostra abre hoxe, 6 de xullo, as súas portas en Santiago de Compostela, a cidade na que naceu, o 22 de maio de 1916, a segunda Irmandade da Fala. Poderase ver até o 4 de agosto, no horario de apertura do Museo: de martes a sábado de 10:30 h a 14h e de 16h a 19:30 h, e os domingos e festivos de 11h a 14h.

A exposición foi inaugurada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da Área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González; e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. O acto contou ademais coa participación musical de 2 na fronteira, que interpretaron dúas pezas de Otero Pedrayo e Bouza Brey, con piano, voz e o violín de Quiroga, que despois pasou a formar parte da exposición.

Recoller o herdo dunha xeración de vangarda

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, subliñou o punto de inflexión que supoñen as Irmandades da Fala na coherencia entre reivindicación do galego e o seu uso. Falou igualmente da vixencia do seu legado, pois conformaron a sociedade galega tanto cultural e socialmente como desde unha perspectiva política ao seren as iniciadoras do moderno nacionalismo galego. "As figuras de Ánxel Casal e María Miramontes, tan vinculadas a Santiago, simbolizan a vangarda de pensamento e práctica na defensa e no orgullo de posuírmos unha conciencia propia. Sería imposíbel pensar no sistema literario actual sen termos en conta o seu labor editorial e político", sinalou.

O presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, incidiu tamén na importancia das Irmandades para o rexurdimento das letras, as artes e as ciencias galegas. "Moitos carácteres da nosa sociedade actual que conforman a personalidade singular de Galicia non se daban en 1916 e, se hoxe os temos, é polo labor duro e a contracorrente, dos homes e mulleres das Irmandades primeiro e do Partido Galeguista despois". Por iso, di, é de xustiza mostrar nesta exposición "unha selección das accións, os logros e os protagonistas nas diferentes dimensións daquela empresa, aparentemente pequena no seu tempo, pero xigantesca polos seus froitos a longo prazo."

Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, reivindicou a necesidade de que a celebración do centenario das Irmandades da Fala sirva para avanzar nos seus obxectivos aínda pendentes en materia de normalización lingüística. "Estou convencido de que Antón Villar Ponte hai cen anos propúxose levar a fala non só ás tribunas, senón tamén aos fogares da clase media. Hoxe, cen anos despois, existen algúns avances, sobre todo litúrxicos, e supoño que Villar Ponte, de vivir diría: A fala hai que falala", expresa Alonso Montero.

Na presentación tamén participaron outras autoridades e membros de diferentes entidades colaboradoras. "Saúde e Terra, irmá(n)s!" contou cunha comisión organizadora na que participaron Margarita Ledo Andión e Henrique Monteagudo en representación da Real Academia Galega, Justo Beramendi e Carlos García Martínez polo Museo do Pobo Galego e Carme Vidal e Uxío Breogán Diéguez pola Deputación da Coruña. O proxecto foi creado, deseñado e coordinado por Pepe Barro. O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas a temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo. Dez espazos para profundar na dimensión global das Irmandades

Entidades colaboradoras

O proxecto expositivo de conmemoración do centenario das Irmandades da Fala organizado pola Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego conta co apoio de catorce entidades colaboradoras: a Real Academia Galega de Belas Artes; as fundacións Penzol, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Alexandre Bóveda, Isla Couto, Antonio Fraguas, Galiza Sempre e Moncho Reboiras; o Museo de Pontevedra, o Departamento de Galego-Portugués da UDC e Galiza Cultura. Ademais dos fondos cedidos para a ocasión pola RAG e o Museo do Pobo Galego, a maioría de entidades colaboradoras participan tamén na mostra como prestadoras. Esta homenaxe ás Irmandades amosará tamén documentos e pezas de arte cedidas tanto pola Fundación Barrié, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Museo Carlos Maside, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Parlamento de Galicia e a Biblioteca Provincial da Coruña, como por particulares, algúns deles familiares de integrantes das Irmandades da Fala. A exposición conta cunha colaboración especial das áreas de Cultura das deputacións de Lugo, Ourense e Pontevedra que permite a itinerancia nas cidades de Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo. Cómpre tamén mencionar o agradecemento á Fundación Barrié e ao Concello de Ferrol, que abre as portas do Centro Torrente Ballester para a mostra. Actividades paralelas A Real Academia Galega celebrará ademais no Museo do Pobo Galego dúas mesas redondas sobre a oratoria e a prosa de non ficción (7 de xullo) e as Irmandades da Fala e a prensa (19 de xullo), dentro do ciclo No tempo das Irmandades: Fala, escrita e prelos. Ambas sesións son abertas ao público e comezarán ás 19:30 h . Pola súa parte, o DEAC do Museo do Pobo celebra esta semana os obradoiros "Facemos Irmandade?" para os que xa está fechado o prazo de inscrición.

Páxinas suxeridas