Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Negreira conclúen as obras que evitarán novas inundacións na rúa Teresa Fabeiro Caamaño

Supuxeron un investimento de 192.000 euros para a construción dunha nova rede separativa de pluviais e saneamento e a reurbanización desta céntrica rúa

Negreira mellora as principais rúas da localidade cos fondos do Plan Único. Valentín González Formoso e Manuel Ángel Leis supervisaron as obras completadas nas avenidas das Brañas e Barcala

Anunciaron o inicio inminente das obras de mellora da avenida de Santiago.

A Deputación e o Concello de Negreira conclúen as obras que evitarán novas inundacións na rúa Teresa Fabeiro Caamaño

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, supervisaron esta tarde as obras de reurbanización e canalización de pluviais acometidas na rúa Teresa Fabeiro Caamaño, no centro urbano da localidade. Na visita desta tarde estiveron tamén os deputados provinciais Blas García e Antonio Leira. 

Os traballos, recentemente rematados, supuxeron un investimento de 191.906,85 euros, dos que o 80% (153.525,88 €) foi achegado pola Deputación e "servirán para evitar as inundacións que se producían cada inverno en sotos, garaxes e baixos comerciais e que afectaban a outras rúas adxacentes coma a rúa Rosalía de Castro ou Rúa de Castelao, así como para eliminar o retorno de augas fecais que afectaba ao CEIP O Coto debido ao exceso de caudal e a aos continuos atascos que se producían na anterior rede de saneamento", explicou o alcalde, Manuel Ángel Leis, que agradeceu ao presidente da Deputación que atendera esta antiga demanda do Goberno municipal.

"Esperamos que as obras supoñan a solución definitiva a este problema, que para o alcalde era unha preocupación importante, pois afectaba a moitos veciños e negocios da zona e incluso a un centro escolar", afirmou Valentín González Formoso.

As obras consistiron na construción dunha nova rede separativa de pluviais e fecais, que discorre ao longo de toda a rúa e que está dimensionada para evitar a carga excesiva que colapsaba a antiga rede, sobre todo das escorrentías da Praza das Brañas, facilitando un mellor rendemento da EDAR e beneficiando tanto aos veciños da zona coma as instalacións educativas da zona.

Os traballos incluíron tamén a reurbanización da zona, o reasfaltado da rúa e pintado das marcas viais, pasos de peóns e demais sinaléctica.

Melloras no núcleo urbano e no rural co Plan Único

Valentín González e Manuel Ángel Leis visitaron tamén os traballos de pavimentación que acaban de rematar nas avenidas das Brañas e da Barcala, que supuxeron un investimento de 187.741, 51 euros financiados con cargo ao Plan Único (POS+2019). As obras permitiron renovar o firme destas céntricas rúas cunha capa de aglomerado en quente de 6 cm de espesor e rego de adherencia, o que mellora notablemente a seguridade do tráfico.

O alcalde de Negreira anunciou ademais que a vindeira semana empezarán tamén as obra de pavimentación da avenida de Santiago, cun investimento de 150.000 euros incluído no POS+2020 e un prazo de execución dun mes.

González Formoso destacou "a importante contribución que o Plan Único supón para mellorar os servizos e infraestruturas municipais".

O presidente destacou que, coa achega de este ano, a Deputación leva investido en Negreira a través do POS+ máis de 5 millóns de euros nos últimos cinco anos. Con estes fondos, ademais de mellorar as citadas avenidas, o Goberno municipal de Manuel Ángel Leis acometeu obras como a construción das pistas multideporte da praza das Brañas, que proximamente se humanizará cunha reforma integral, o saneamento no núcleo de Gándara e instalación dunha EDAR en Zas, ou a mellora de numerosas pistas e camiños na zona rural.

Páxinas suxeridas