Estás en:Novas

A Deputación destina 100.000 euros á Casa de Acollida para mulleres en situación de violencia de xénero de Ferrol

O ente provincial triplica de novo este ano a súa achega para reforzar un servizo de atención esencial para este colectivo especialmente vulnerable

O convenio foi asinado hoxe polo presidente do ente provincial, Valentín González Formoso e o alcalde Ángel Mato

A Deputación destina 100.000 euros á Casa de Acollida para mulleres en situación de violencia de xénero de Ferrol

Valentín González Formoso e Ángel Mato asinaron o convenio para 2021

A Deputación da Coruña destina este ano 100.891,64 euros para o mantemento da Casa de Acollida a vítimas de violencia de xénero do Concello de Ferrol.

O goberno provincial de Valentín González Formoso volve este ano a triplicar o investimento neste servizo de atención social a un colectivo especialmente vulnerable, ao que viña destinando arredor de 33.000 euros ata 2019 e que desde o ano pasado supera os 100.000 euros.

O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso e, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo a través do que a Deputación achega o 26,43 % do orzamento anual de mantemento deste centro que dá atención ás vítimas desta lacra social e aos menores dependentes delas desde o ano 1986.

A Deputación colabora cos gastos de persoal e correntes, entre os que se inclúen produtos alimenticios, farmacéuticos, roupa ou axudas ao transporte, entre outros. Dentro do convenio, tamén se compromete a proporcionar formación anual para o persoal dos recursos en función ás necesidades detectadas sobre intervención en materia de violencia de xénero e xestión emocional.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a Deputación "triplicou en 2020 e 2021 a súa axuda económica para a Casa de Acollida de Ferrol "porque somos conscientes de que neste momento o noso compromiso é máis necesario ca nunca". Formoso lembrou que o centro "presta servizo a toda a comarca" e "desenvolve un papel fundamental na atención a un colectivo especialmente vulnerable" como é o das mulleres que sofren a violencia de xénero.

O alcalde, Ángel Mato, agradeceu o apoio e "sensibilidade" da Deputación neste tema e destacou que para a Casa de Acollida de Ferrol "é fundamental, un recurso indispensable na loita contra a violencia machista".

O alcalde de Ferrol destacou que a Casa, que ten capacidade para aloxar a 15 persoas ao mesmo tempo, "atendeu o ano pasado a 11 mulleres e 12 menores. É a mellor mostra da importancia que este servizo ten para Ferrol e a súa comarca. A achega provincial non pode ter mellor destino", apuntou Ángel Mato.

A Casa de Acollida de Ferrol pertence á Rede de Acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero da Deputación e constitúe un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para estas mulleres, así como para os e as menores ao seu cargo. Así, ofrécese un servizo esencial para a protección e atención destas persoas ante unha situación de grave risco como esta. O espazo permite a estas persoas, en situación vulnerable, recibir apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica no momento máis complicado.

Co aumento do investimento neste servizo a Deputación busca cubrir as necesidades que se derivan dunha situación como esta, así como ofrecer todos os mecanismos para que as mulleres que atravesan estes difíciles momentos conten cos medios necesarios para saír adiante.

Páxinas suxeridas