Estás en:Novas

A Deputación construirá unha senda ciclista de 32 quilómetros que bordeará o encoro de Cecebre e conectará con Carral

Valentín González Formoso asinou hoxe os convenios de encomenda de xestión coas alcaldesas de Betanzos e Bergondo e os alcaldes de Abegondo e Carral

A senda, de 32 quilómetros, suporá un investimento de 2,1 millóns de euros e enlazará coa Rede Ciclista Metropolitana da Coruña

González Formoso destaca a aposta da Deputación por un novo modelo de mobilidade sostible, achegando as sendas ciclistas non só ás cidades e a súa contorna, senón tamén ao rural

A Deputación impulsa a creación de 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia, cun investimento de 9 millóns de euros

A Deputación construirá unha senda ciclista de 32 quilómetros que bordeará o encoro de Cecebre e conectará con Carral

A Deputación da Coruña investirá 2,1 millóns de euros na construción dunha nova senda ciclista que percorrerá a contorna do encoro de Cecebre, espazo natural de referencia na provincia, e conectará co concello de Carral. 32 novos quilómetros de ruta que discorrerá polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre e Carral, constituíndo unha alternativa perfecta pasear en bicicleta ou a pé.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado de Emprego e Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, as alcaldesas de Betanzos e Bergondo, María Barral e Alejandra Pérez, e os alcaldes de Abegondo e Carral, José Antonio Santiso e Javier Gestal, asinaron esta mañá na sede da institución provincial os convenios de encomenda de xestión das obras, que asume directamente a Deputación da Coruña.

A iniciativa suporá un importante investimento de 2.150.688 euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

"A Deputación está a realizar unha importante aposta por promover un novo modelo de mobilidade sostible na nosa provincia, no que o uso da bicibleta como medio de transporte adquire un gran protagonismo", indicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que explicou que a través deste tipo de proxectos, "o ente provincial pretende contribuír a unha mellora da vertebración do territorio, chegando as sendas ciclistas non só as grandes cidades e a súa contorna, senón tamén aos territorios do rural"

O deputado de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, lembrou que a Deputación traballa na creación de 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia, cun investimento global próximo aos 9 millóns de euros, cofinanciados con fondos FEDER. Estes proxectos inclúen a primeira Vía Verde da provincia da Coruña, que no futuro permitirá conectar Culleredo con Santiago cunha senda ciclable sobre as antigas vías do ferrocarril.

Un carril bici na Reserva da Biosfera

A nova senda ciclista contará con tres tramos diferenciados, o primeiro deles transcorrerá polos municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral e contará cun orzamento de 810.428 euros. O segundo e terceiro discorrerán por Abegondo e Carral, contando o primeiro con 785.794 euros de investimento e con 554.465 euros o segundo.

O novo carril bici discorrerá en gran parte polo territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, empregando como base estradas, rúas, pistas municipais, camiños rurais e sendas de titularidade pública. Peóns e ciclistas compartirán os devanditos camiños, polo que a Deputación acometerá diferentes actuacións que permitirán compatibilizar esa coexistencia a través de renovación de vías, mellora na seguridade viaria e instalación de sinalización ambiental e turística, respectando sempre o valor medioambiental da contorna.

A ruta, dividida nos tres tramos sinalados con anterioridade, discorrerá ao carón da ribeira do encoro de Cecebre, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, discorrendo por núcleos de poboación como Sarandóns e pasando por lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.

Páxinas suxeridas