Estás en:Novas

Cultura da Deputación da Coruña cede unha colección de pezas de gaita á Asociación Triskell de Arteixo

O deputado, Xurxo Couto, e o presidente da entidade, Roberto Mosquera, asinaron o acordo

Cultura da Deputación da Coruña cede unha colección de pezas de gaita á Asociación Triskell de Arteixo

A colección de pezas de gaita da Deputación da Coruña está xa en mans da Asociación Triskell de Arteixo, despois do acordo asinado polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o presidente da entidade de cultura tradicional, Roberto Mosquera. A colección, que procede do fondo do Ballet Rey de Viana, inclúe pezas de importantes obradoiros coma os de Seivane, Carril, Bao ou Antón Corral e Triskell ten idea de que pasen a formar parte do museo da gaita.

Os punteiros son as pezas máis numerosas da colección que a Deputación da Coruña cedeu á Asociación Triskell de Arteixo. Un total de quince compoñen o conxunto que inclúe tamén roncóns, buxas de punteiro, buxas de roncón ou copas de roncón e que proceden do fondo do extinto Ballet Rey de Viana. Á sinatura do convenio, ademais de Xurxo Couto e Roberto Mosquera asistiu o músico e director do grupo de gaitas de Triskell, Bieito Romero.

"Para nós é unha grande alegría que esta colección de pezas de altísima calidade, elaboradas por algúns dos principais obradoiros dedicados ao noso instrumento musical tradicional estean en mans dunha asociación como Triskell que está a contribuír a manter e dinamizar a nosa cultura tradicional", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

As pezas están asinadas polos principais obradoiros artesanais de gaitas galegas entre os que se atopan Seivane, Antón Corral, Paulino Pérez, Xesús López Bao ou Basilio Carril e, por parte de Triskell, xa anunciaron que serán remitidas directamente ao seu artesán Luís Rodríguez para que realice unha primeira análise técnica para logo seren testados por músicos da agrupación de máximo nivel, con Bieito Romero na dirección e co obxectivo de realizar a súa restauración, de se dar o caso.

Segundo a entidade, que agradeceu o traballo de Xurxo Couto, a colección "trátase dun lote de pezas de gaitas, algunhas curiosas e únicas que Triskell pretende recuperar para formar un pequeno museo dun enorme valor".

Páxinas suxeridas