Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Carnota impulsan a conversión do antigo campo de fútbol de Lariño nun gran espazo verde acorde á paisaxe da zona

A iniciativa permite dar solución ao impacto ambiental que ocasiona esta instalación deportiva abandonada na ZEC Monte e Lagoa de Louro coa creación dunha nova zona de lecer.

As obras incluirán a demolición do peche perimetral e das edificacións auxiliares do campo de fútbol, e a construción dunha pista de pádel e a creación dun parque con sendeiros, arboredo e bancos.

"O noso obxectivo é recuperar a zona para o lecer da veciñanza, cun proxecto respectuoso co medio e acorde coa contorna, que axude a pór en valor a beleza paisaxística da zona", afirmou o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido.

A Deputación e o Concello de Carnota impulsan a conversión do antigo campo de fútbol de Lariño nun gran espazo verde acorde á paisaxe da zona

A Deputación da Coruña e o Concello de Carnota financiarán con preto de 170.000 euros as obras para converter a contorna do campo de fútbol de Lariño nun gran espazo de lecer acorde ao valor paisaxístico e medioambiental da zona especial de conservación (ZEC) Monte e Lagoa de Louro onde está.

Esta antiga instalación deportiva emprázase nun territorio natural único, próximo ao Faro de Punta Insua e ao pé da praia de Lariño,  en plena Costa da Morte, rodeada de vexetación propia de climas costeiros atlánticos. Unha contorna singular que sofre un importante impacto ambiental debido a que alí se sitúa un antigo campo de fútbol, en estado de abandono e nunhas malas condicións de conservación.

"O noso obxectivo é recuperar a zona para o lecer da veciñanza, cun proxecto respectuoso co medio e acorde coa contorna, que axude a pór en valor a beleza paisaxística da zona", afirmou o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido Rama, que agradeceu a colaboración da Deputación para financiar este proxecto singular, que completará o que se levará a cabo para restaurar o faro de Lariño, no que xa se está a actuar para dedicalo a uso hoteleiro.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou tamén "o valor paisaxístico e medioambiental dun enclave tan emblemático na provincia da Coruña como a contorna o Faro de Lariño" e felicitou ao goberno municipal de Juan Manuel Saborido por impulsar este proxecto para a recuperación ambiental da zona.

A Deputación apoiará a renovación deste equipamento completamente obsoleto, exemplo de feísmo urbanístico dos anos 70. "Imos derribar todo o que está feito para recompoñelo e crear un espazo lúdico adaptado ao medio", indicou o presidente provincial, que tamén destacou que as obras que se están a acometer no faro permitirán dar lugar "a un centro de xeración de emprego e de dinamización turística, que vai crear 14 postos de traballo". González Formoso incidiu na necesidade de poñer en valor este emprazamento, que é visitado "por miles de visitantes que están vindo desde toda Europa constantemente á Costa da Morte".

O orzamento das obras ascende a 168.430 euros, dos que a Deputación achegará 121.000 €, o 72% . A achega provincial articúlase a través dun convenio de colaboración que foi asinado hoxe no Concello de Carnota polo presidente provincial e o alcalde.

Zonas verdes, sendeiros, árbores e novo mobiliario urbano

As obras incluirán a demolición da totalidade do peche perimetral e das tres edificacións auxiliares, que se atopan semidestruídas, co obxectivo de contribuír a integración visual da zona.

O alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido Rama, informou de que "na nova contorna executarase un parque con sendeiros dunha anchura de entre 2 e 3 metros. Instalaranse tamén 17 bancos, plantaranse 22 árbores e construirase unha pista de pádel".

O proxecto permitirá dotar ao espazo dunha varanda de 120 metros de madeira de pino. Tamén se procederá á revexetación de noiros e explanadas. Por último, acondicionarase o acceso principal a este renovado espazo con tarefas de pavimentación da estrada autonómica.

Páxinas suxeridas