Estás en:Novas

Sés e Ugia serán este fin de semana as titoras da residencia musical do Quero Cantar no Pazo de Mariñán

A banda "Máis boas cas patacas" e a solista Noa participarán na acción formativa do concurso musical da área de Cultura da Deputación da Coruña

A nova proposta botou a andar cun primeiro encontro entre Belem Tajes e "Os nenos da Vella"

Sés e Ugia serán este fin de semana as titoras da residencia musical do Quero Cantar no Pazo de Mariñán

O Pazo de Mariñán acolle o vindeiro fin de semana unha nova residencia musical que xuntará a SÉS coas mozas de "Máis boas cás patacas" e a Ugia coa cantante Noa. Será a segunda estadía formativa da nova modalidade do concurso Quero Cantar da área de Cultura da Deputación da Coruña despois de ser inaugurado con "Os nenos da vella" de man de Belem Tajes.

Do 23 ao 25 de abril o Pazo de Mariñán será sede dun duplo encontro musical ao longo dun fin de semana en que o convivio, a aprendizaxe, o achegamento a novos campos da produción musical e tamén a diversión serán as protagonistas dunha experiencia inesquecíbel para as "Máis boas cas patacas", o grupo revelación quen en 2017 gañou o Quero cantar coa súa reivindicativa canción "Son muller" e para Noa, a moza de Merza que sorprendeu en dúas edicións do certame da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Terán "titoras" de excepción, con perfís musicais afíns, como son SÉS coas "Máis boas cas patacas" e Ugia para Noa, encontros que xa se están a desenvolver de maneira dixital á espera de que este fin de semana se produza o convivio do Pazo de Mariñan.

As residencias musicais inauguráronse a pasada fin de semana con "Os nenos da Vella" e Belem Tajes cunha experiencia singular con tres días en que, ademais de ensaios e a gravación profesional dun novo tema, os mozos e as mozas do grupo se achegaron a ámbitos distintos da carreira profesional, desde a aplicación das novas tecnoloxías até a difusión do seu traballo.

Con estas accións, o concurso Quero Cantar de Cultura da Deputación da Coruña convértese neste ano nunha experiencia nova que está a por en conexión grandes nomes da música galega contemporánea cos grupos musicais gañadores en anos anteriores aos que se sumarán os seleccionados nesta nova edición.

"Despois dun ano en que, como é ben sabido, o Quero Cantar non se puido celebrar pola pandemia, estamos hoxe especialmente felices de poder a edición especial deste ano está a xerar moitos froitos tanto para estas persoas tan significativas da nosa música como para as novas promesas que o concurso descubriu", sinalou na súa intervención o deputado Xurxo Couto.

Ademais, novos grupos de mozos e mozas poderán presentar as súas maquetas para participar no programa formativo até o 30 de setembro. Dúas propostas serán seleccionadas e nomearanse novos titores e titoras para ser protagonistas desta academia musical do Quero Cantar.

O coordinador da iniciativa, Tono Formoso, destacou que " xa é motivo de alegría que esta nova edición se convoque e máis se é con novas posibilidades como as titorías en liña con grandes nomes da música e unha residencia musical no Pazo de Mariñán na que gravan unha canción e os mozos e mozas achéganse a coñecementos necesarios para a súa carreira musical".

SÉS

En 2007 fundou o grupo rock Chámalle Xis e en 2010 iniciou o seu camiño en solitario co que publicaría o seu primeiro traballo en 2011 Admirando a condición, ao que seguirían os discos discos Co xenio destrozado (2013), Tronzar os valos (2015), Opoñerse á extinción (2016), Readmirando a condición (2017), Rabia ao silencio (2019) e Liberar as arterias (2020). Sés é a compositora da maior parte das cancións dos seus discos e interpreta guitarra e voz.

Ugia

Compositora e produtora, edita 11 discos con diferentes formacións como Chouteira, Marful, Nordestina, Eléctica Emsemble, A Descarga ao Vivo, Acróbata e na súa traxectoria atópase a creación e dirección do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque (2000-2013). Ugia é unha das principais voces da música galego e actualmente comparte proxecto poético-musical con Marina Oural Villapol (MOV).

Máis boas cas patacas

Gañaron en 2017 a categoría xuvenil (13 a 16 anos) do Quero Cantar coa reivindicativa canción "Son muller". O tema converteuse na canción máis exitosa de todas cantas teñen saído polo de agora do Quero Cantar e, mesmo, o seu éxito obrigou as rapazas a emitir un comunicado anunciando que deixaban de atender chamadas de radio e televisión, e solicitudes de acudir a tocar en institutos, xa que a avalancha foi tal que empezou a trastocar a súa vida de estudantes da ESO. O grupo formouse baixo a dirección da profesora Matilde Balseiro, que dirixe a escola de música da Asociación de gandeiros e labregos de Calo, en Teo, onde todas elas continúan a estudar actualmente.. Todas as rapazas teñen agora mesmo entre 17 e 18 anos. A formación inclúe teclado, guitarras, batería, baixo, ukelele, voz e coros.

Noa

Noa Guzmán é unha rapaza de Merza, Vila de Cruces. Acaba de cumprir os 18 anos. Quedou segunda clasificada na categoría xuvenil do Quero Cantar (13 a 16 anos) en 2018 e 2019 coas cancións Agora son eu e As ondas do mar (pódese escoitar en www.querocantar.gal). Da man de Séchu Sende, de quen foi alumna, practicou tamén a regueifa. Actualmente estuda no conservatorio de música de Santiago e é trompeta da banda de música da súa vila. Ela compón música e letra das súas cancións, que interpreta con voz e teclado.

Páxinas suxeridas