Estás en:Novas

A Deputación inviste preto de 400.000 euros para ampliar e acondicionar a DP-3402 de Bustelo a Caberta, en Dumbría

As obras permitirán ampliar a plataforma da estrada, que contará con carrís de 3 metros e construír nova beirarrúas

Suporá unha importante mellora na seguridade viaria, tanto para o tráfico rodado como para o peonil, que verá mellorada a súa accesibilidade

A Deputación inviste preto de 400.000 euros para ampliar e acondicionar a DP-3402 de Bustelo a Caberta, en Dumbría

A Deputación da Coruña mellora a seguridade viaria no concello de Dumbría coa ampliación e acondicionamento da estrada provincial DP-3402 de Bustelo a Caberta por Salgueiros. O ente provincial licita por 377.588,41 euros as tarefas e recibirá propostas ata o 11 de maio.

O deputado de Vías e Obras e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, explicou que as actuacións permitirán ampliar o ancho da vía, que contará con carrís de 3 metros fronte aos 2,3 metros actuais, incrementando así a seguridade do tráfico rodado. Nalgúns puntos da vía construiranse beirarrúas de 2 metros de ancho que permitirán mellorar a accesibilidade dos peóns e peoas na contorna, reducindo o risco de accidentes.

Os traballos realizaranse nun tramo de preto de 1 quilómetro e permitirán homoxeneizar o acabado superficial do novo firme nas zonas de ensanche coas do firme existente. Tamén se construirá a canalización para iluminación e nos tramos nos que xa existise reporase, trasladando os farois existentes.

Á súa vez, executarase unha rede de recollida de pluviais. As augas superficiais recolleranse a través de sumidoiros que conectarán coa rede proxectada a través de tubaxe PVC instalada baixo as beirarrúas. Nos tramos nos que non existan estes pasos para peóns, así como nos terrapléns, construirase unha cuneta de formigón de 30 centímetros de profundidade. A rede completarase coa prolongación das obras de fábrica existentes para drenaxe transversal.

Para poder levar a cabo as tarefas sinaladas a Deputación destinou 1.033,72 euros para a expropiación de terreos necesarios para acometer as reformas. As tarefas estarán rematadas nun prazo estimado de 7 meses.

Páxinas suxeridas