Estás en:Novas

A Deputación financia a mellora da rede de abastecemento de auga e a creación de sendas no Polígono de Sabón por valor de 3,5 millóns de euros

Parte das obras de mellora de firmes, substitución do alumeado ou renovación de redes de saneamento e abastecemento de auga xa están feitas e no pleno do mes de febreiro levarase a prórroga do convenio para executar as restantes

Valentín González Formoso destaca a importancia do polígono de Sabón "como un motor esencial no desenvolvemento da actividade industrial e económica, así como para a creación de emprego na provincia"

A Deputación financia a mellora da rede de abastecemento de auga e a creación de sendas no Polígono de Sabón por valor de 3,5 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento de infraestruturas no Polígono de Sabón, que permitirá executar proxectos valorados en 3,5 millóns de euros para a mellora da rede de abastecemento e a creación de varias sendas peonís neste parque empresarial. O acto contou tamén coa presenza do deputado Xurxo Couto.

Estas actuacións forman parte do convenio formalizado entre a administración provincial e o Concello de Arteixo no ano 2014, como consecuencia da cesión do polígono ao municipio, e que incluía un investimento total de 5,9 millóns de euros en mellora de infraestruturas por parte da Deputación da Coruña.

Parte das obras do Plan Director xa están executadas esta prórroga do convenio permitirá executar as restantes, que suman un investimento de 3.564.098,70 euros, e que se dividen en: melloras na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) do polígono, valorada en 1.810.914,50 euros e financiada o 100% con fondos provinciais; melloras na rede de abastecemento de auga do polígono, valorada en 495.230,26 euros e financiada ao 100% con fondos provinciais; creación de nova senda na avenida Embalse e avenida da Prensa, 597.469 euros financiada ao 100% con fondos provinciais; creación dunha senda na avenida da Ponte, 250.719 euros financiada ao 100% con fondos provinciais e, por último, outra senda na avenida da praia, valorada en 470.186,81 euros dos que a Deputación achega 409.765,94 euros, o 87,15% do total.

As obras xa executadas nos últimos anos ao abeiro deste convenio, cun investimento próximo aos 2,5 millóns de euros, permitiron a a substitución das antigas tubaxes de fibrocemento por unha nova rede de polietileno e PVC, a creación dunha rede contraincendios con hidrantes, a substitución do antigo alumeado público por un novo máis eficiente con tecnoloxía LED, a renovación do firme das estradas do polígono ou a reforma do pozo de bombeo situado na avenida do Embalse.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a importancia do polígono de Sabón, promovido pola Deputación nos anos 60, "como un motor esencial no desenvolvemento da actividade industrial e económica, así como un instrumento dinamizador da creación de emprego na provincia, de aí a importancia de executar estas obras para mellorar as súas infraestruturas e garantir a súa competitividade".

O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, afirmou ""creo que é moi importante que as administracións traballen xuntas para mellorar os servizos que se ofrecen tanto as empresas creadoras de emprego como os veciños de Arteixo, porque non hai que esquecer que estes investimentos que hoxe acordamos beneficiarán tanto o tecido empresarial como os veciños, que verán mellorados temas como o abastecemento de auga do municipio ou a conectividade de todo o entorno de Sabón a través de novas sendas peonís", sostivo.

Páxinas suxeridas