Estás en:Novas

A Deputación licita por 259.141 euros as obras de ampliación e mellora da seguridade da DP 4901 en Moeche

O proxecto inclúe ampliación dun tramo da estrada ata os 6 metros de ancho e a construción dunha senda peonil que mellorará a seguridade dos peóns nos seus desprazamentos

A Deputación licita por 259.141 euros as obras de ampliación e mellora da seguridade da DP 4901 en Moeche

A Deputación da Coruña licita por 259.141 euros as obras de ampliación e mellora da seguridade viaria na DP 4901 San Ramón-As Somozas, entre os puntos quilométricos 1+000 e 1+780, no termo municipal de Moeche.

O proxecto suporá a ampliación deste tramo da calzada, que actualmente conta cunha plataforma de só 4,2 metros de ancho, ata os 6 metros e a construción dunha senda de 2 metros de ancho na marxe esquerda que contribuirá a mellorar a seguridade peonil na zona.

Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, as obras enmárcanse na aposta do seu goberno por crear sendas e beirarrúas que melloren a seguridade dos viandantes na rede provincial de estradas, especialmente nos núcleos rurais, como este de Moeche, onde non existe zona de paso para peóns.

As obras terán lugar a un quilómetro do núcleo de San Ramón (Moeche), onde se sitúan numerosos servizos públicos como a Casa do Concello ou o centro de saúde da localidade e consistirán na ampliación da sección da calzada cunha base de lastro e grava sobre a que se aplicarán 6 cm de mestura bituminosa en quente e rego asfáltico para a mellora a adherencia dos vehículos.

A senda, de dous metros de ancho, discorrerá elevada sobre a marxe esquerda da vía e executarase en formigón coloreado con bordo exterior.

A rede de recollida de pluviais resolverase cunha canalización en PVC de 315 mm de diámetro baixo a senda, con rede se sumidoiros. Inclúese tamén canalización para instalación da rede de alumeado público e renovación da sinalización horizontal e vertical.

As empresas poden presentar as súas ofertas ata o 24 de maio. O prazo de execución será de seis meses a partir do inicio das obras.

Páxinas suxeridas