Estás en:Novas

A Deputación financia a contratación de técnicos de deportes en 69 concellos da provincia

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destaca que o programa xera emprego e facilita que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable

O programa supón un investimento de 905.000 euros

A Deputación financia a contratación de técnicos de deportes en 69 concellos da provincia

O Boletín Oficial da Provincia publicou a concesión definitiva das axudas que concede a Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos da provincia. Este ano, sesenta e nove concellos contratarán ou manterán no seu cadro de persoal a técnicos deportivos municipais grazas ao apoio económico da Deputación, que achega un total de 905.000 euros para financiar este programa.

A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, destacou que estas axudas "ademais de contribuír á xeración de emprego na provincia, permitindo a contratación de 69 persoas durante un período dun ano, facilitan tamén que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable e fomentar o deporte e a actividade física entre a poboación, especialmente nenos e maiores".

A Deputación financia ata o 80% dos custes salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para aqueles municipios que optan pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Os concellos poden contratar tamén técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o 20% restante do salario.

Ligazón ao BOP :

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/04/27/2021_0000003436.html

Páxinas suxeridas