Estás en:Novas

O libro ‘A Buxaina de Ucha’, de José Pardo, retrata os “espazos habitados” do arquitecto en Ferrol

Hoxe tivo lugar na terraza do Teatro Jofre de Ferrol a presentación deste libro de fotografías, que se centra no interior das construcións do máximo expoñente da arquitectura modernista de Ferrol

Valentín González Formoso destacou a implicación do autor, o fotoxornalista José Pardo, e reivindicou a figura de Rodolfo Ucha pola súa pegada na configuración da cidade e como acicate para os plans de recuperación que ten o Concello "no casco histórico, zona portuaria e tamén nas rúas da contorna da Praza de Armas".

No acto tamén participaron a filla do insigne arquitecto, Lucila Ucha, o autor do libro, José Pardo, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato

O libro ‘A Buxaina de Ucha’, de José Pardo, retrata os “espazos habitados” do arquitecto en Ferrol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no acto de presentación do libro 'A Buxaina de Ucha', do fotoxornalista José Pardo, que retrata os "espazos habitados" do insigne arquitecto, máximo expoñente do Ferrol modernista, creador dalgúns dos edificios máis emblemáticos da cidade.

Esta publicación comezou a cociñarse en 2015, segundo indicaba na presentación o seu autor, José Pardo, que vendo como os outros traballos que versaban sobre Ucha se centraban "na parte exterior da obra do arquitecto" decide centrarse no interior. "As miñas ansias son entrar, poder ver ese espazo que se habitou, ese espazo que el tamén traballou por dentro", sinalou.

No acto celebrado na terraza do teatro Jofre participaron tamén o presidente provincial, Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a filla do insigne arquitecto, Lucila Ucha, ademais dos portavoces de todos os grupos representados na corporación co Concello de Ferrol.

Na súa intervención, Valentín González Formoso destacou a implicación de José Pardo na comarca "non só dando a coñecer a súa realidade cada día nas páxinas do xornal, senón encontrando un oco do seu tempo para poñer en valor figuras tan excepcionais como é a de Rodolfo Ucha".

O presidente provincial reivindicou a figura do arquitecto modernista pola súa pegada na configuración da cidade, deseñando e creando espazos como as casas Romero e Brañas, o Mercado da Magdalena ou o propio Teatro Jofre, así como o seu papel de acicate para que o Concello siga traballando "neses plans de recuperación no casco histórico, zona portuaria e tamén nas rúas da contorna da Praza de Armas, que teñen que seguir por ese camiño para ver con esplendor esta cidade", remarcou.

O fotoxornalista José Pardo definiu que o seu obxectivo era amosar que a obra do arquitecto non era pequena, senón que "estivo 28 anos traballando como arquitecto municipal, fixo obras ostentosas e outras máis humildes". Na súas palabras amosou o agradecemento ao alcalde de Ferrol e á Deputación polo apoio recibido, así como á familia de Ucha pola súa colaboración.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, sinalou que a presentación do libro forma parte da "ampla homenaxe que o Concello quere renderlle a Rodolfo Ucha con motivo dos 40 anos do seu pasamento e dos 140 anos do seu nacemento, que se van cumprir en 2022". O rexedor destacou o traballo do fotoxornalista que "preparou este proxecto a lume lento e con moito mimo. O seu traballo é unha das grandes pezas sobre as que vai xirar a programación municipal sobre o arquitecto", rematou.

Na presentación tamén participou a filla do arquitecto, Lucila Ucha, que agradeceu a disposición da Deputación para "financiar, axudar e facer posible" a publicación de diversos libros sobre Ucha. Así mesmo, dedicoulle unhas palabras ao autor da obra, "este libro teu que con tanto cariño, esforzo e profesionalidade fixeches, agradézocho enormemente, non só como filla de Ucha, senón como cidadá de Ferrol. É un privilexio que poidamos proxectar a Ferrol cara o exterior dando a coñecer toda a súa riqueza".

Ao longo de máis de 200 páxinas, o libro repasa espazos emblemáticos da cidade creados polo arquitecto, centrándose nos detalles dos espazos habitados, como portais, decoración interior e mesmo molduras. A publicación tamén coa colaboración do arquitecto Felipe Cotovad e do xornalista Paulo Alonso.

Páxinas suxeridas