Estás en:Novas

A Deputación da Coruña inicia os traballos de replanteo das obras da segunda fase da travesía de Serantes

Valentín González Formoso e Ángel Mato destacan que Deputación e Concello "cumpren o seu compromiso" coa posta en marcha desta reivindicación histórica da veciñanza, que suporá unha importante mellora da seguridade viaria

Supoñen un investimento de 753.000 euros e teñen un prazo de execución de seis meses

Os traballos darán continuidade á primeira fase, ampliando a estrada ata os 7 metros de ancho de dotando á zona de novas beirarrúas, unha demanda histórica dos veciños

A Deputación da Coruña inicia os traballos de replanteo das obras da segunda fase da travesía de Serantes

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acompañados dos concelleiros de Urbanismo e Obras, Julián Reina e Ana Lamas, visitaron hoxe o núcleo ferrolán de Serantes, onde xa comezaron os traballos de replanteo previos á execución da segunda fase das obras de ampliación da calzada e construción de beirarrúas na estrada DP-3612 que darán continuidade aos xa acometidos nos primeiros 300 metros desta travesía.

Unha obra supón un investimento de máis de 753.000 euros e a colaboración das dúas administracións, xa que a Deputación financia con 526.826,74 euros a execución dos traballos e o Concello de Ferrol destinou 226.925,98 euros ao pagamento das expropiacións dos terreos necesarios para poder executar este ansiado proxecto.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que, coa adxudicación desta segunda fase das obras da travesía de Serantes, "a Deputación culmina un longo camiño e cumpre o compromiso adquirido coa veciñanza e co Goberno municipal de Ferrol, atendendo unha demanda histórica de mellora da seguridade nesta estrada". González Formoso sinalou que "catro décadas despois vaise facer xustiza cun barrio que reclamaba algo imprescindible". O presidente provincial agradeceu ao rexedor do municipio e á asociación de veciños da zona a súa implicación e remarcou as "facilidades que nos deu a veciñanza para levar a cabo este proxecto".

Formoso detallou que os traballos comezarán esta mesma primavera que o prazo de execución previsto é de seis meses. O presidente indicou que se trata dunha "obra tecnicamente complexa, pero prioritaria para garantir a seguridade viaria nunha zona moi estreita e que carece de beirarrúas para os peóns".

O alcalde de Ferrol, Angel Mato, mostrouse "moi satisfeito" polo inicio dos traballos. Trátase, dixo, dunha actuación "amplamente demandada e coa que nos tiñamos comprometido". Agradeceulle á Deputación "o seu esforzo e a súa comprensión, porque esta é unha das estradas provinciais con máis transito" e en particular ao presidente provincial "por facer fronte a unha obra que era imprescindible e que deberá ter continuidade cara A Cabana".

Pola súa banda o presidente da Asociación de Veciños de Serantes, Luís Casas,indicou que a vía é moi transitada ao confluír na zona diversos servizos, como o centro de saúde de Serantes. "Agradecemos a implicación do alcalde e do presidente da Deputación para que esta obra, que vimos demandando hai 40 anos", afirmou.

Finalmente, o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, manifestou tamén a súa satisfacción polo inicio das obras e considerounos "un bo exemplo de colaboración entre administracións", xa que o concello se fixo cargo das expropiacións e a Deputación da súa execución.

Nesta nova fase, as obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 0+300 e 1+100 e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e construción de beirarrúas de dous metros de ancho que contribuirán a mellorar a seguridade peonil nunha zona con numerosas vivendas que rexistra un intenso tráfico de vehículos. O proxecto inclúe tamén a renovación dos servizos afectados (rede de saneamento e abastecemento de auga) e a instalación de nova iluminación con luminarias LED, en lugar das actuais lámpadas de vapor de sodio.

San Xoán de Filgueira a Catabois

González Formoso e Mato visitaron tamén as obras, xa moi avanzadas, da travesía de San Xoán de Filgueira a Catabois, nas que a Deputación da Coruña inviste 523.647,31 euros para mellorar a seguridade de vehículos e peóns e humanizar a contorna.

As obras consisten en dotar á estrada provincial DP 304, no tramo urbano que vai dende o punto quilométrico 0+900 ao 1+801, na cidade de Ferrol, de beirarrúas de baldosa hidráulica de 2 metros de ancho nos puntos onde non existen, así como o ensanchar a plataforma da vía, que contaba con apenas 6 metros de ancho, ata os 8 metros (7 metros de calzada e beiravías de 0,5 metros en ambas as dúas marxes da vía).

A actuación inclúe a creación de novas zonas de estacionamento de vehículos, canalización de pluviais e servizos afectados, nova sinalización vertical e horizontal e pavimentación da totalidade do tramo mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente.

Páxinas suxeridas