Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 300.000 € á remodelación e mellora das casas da Cultura do Concello de Ames


O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, visitou as instalacións da Casa da Cultura do Milladoiro que, xunto coa de Bretemiñas, serán obxecto de importantes actuacións con financiamento provincial

O alcalde de Ames, Blas Garcia, destacou a colaboración institucional para o desenvolvemento de proxectos de especial relevancia no concello

A Deputación da Coruña destina 300.000 € á remodelación e mellora das casas da Cultura do Concello de Ames

O Vicepresidente e deputado de Plans Provinciais e Turismo, Xosé Regueira, xunto co deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, reuníronse no Concello de Ames co alcalde e co primeiro tenente de alcalde, Blas García e David Santomil, e coa concelleira de Cultura, Natividade González, nunha xuntanza en que abordaron as distintas vías de colaboración institucional para logo visitar a Casa da Cultura do Milladoiro, un dos dous centros socioculturais do concello que serán obxecto de importantes actuacións con financiamento do Plan Único provincial.

Cunha visita á Casa da Cultura do Milladoiro, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, xunto co deputado de Contratación e Patrimonio, puxo fin ao encontro co Goberno municipal de Ames, nunha xuntanza en que participaron distintos membros do goberno e representantes dos grupos políticos da oposición e na que se avaliou a colaboración institucional en proxectos de especial relevancia para o concello como son a mellora das dúas Casas da Cultura nas que se executarán obras por valor de preto de 300.000 euros.

Na súa intervención, Xosé Regueira defendeu o Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña como "unha ferramenta útil, que responde ás necesidades dos concellos e se adapta ás distintas situacións, como estamos a ver agora coa achega de orzamentos aos Concellos a través do POS Social, especialmente relevante para contribuír a paliar os efectos máis urxentes da pandemia". Neste sentido, lembrou que o Concello de Ames recibe neste ano 2021 un total de 1,57 millóns do POS+2021 dos que 306.290 euros pertencen ao POS Social, é dicir, teñen como obxectivo o financiamento de gastos de carácter social provocados pola pandemia da COVID-19. Con este fin, a Deputación da Coruña achega á comarca de Santiago de Compostela a cantidade de 4.188.063 euros dos 14 millóns de orzamento total do POS Social.

Pola súa banda, o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou o apoio da Deputación da Coruña aos Concellos "sobre todo nestes momentos de crise pandémica". "A Deputación da Coruña foi un exemplo para o resto de Deputacións de Galicia, e incluso de España, pola súa capacidade de reacción e de poñerse de lado das persoas que máis necesitaban da súa axuda. Isto fíxose coa modificación de orzamentos, creación de plans como o Plan Reactiva para os Concellos, o PEL, axudas directas aos Concellos con diversos material como máscaras, a creación do PEL social, e sobre todo co Plan Único, que nos garante anualmente unha contía importante para poder investir en obras e gasto corrente". Por último, Blas García destacou as axudas a nivel cultural e deportivo que ofrece a Deputación.

O Concello de Ames recibiu máis de 8,5 millóns de euros a través do Plan Único da Deputación da Coruña desde a súa creación en 2016, un orzamento por medio do que se financiaron máis de 61 obras. Na proposta de actuación de 2021, ademais das obras de mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, realizaranse melloras térmicas e acústicas no pavillón polideportivo do Milladoiro, a reurbanización da rúa Horta de Abaixo (Bertamiráns), mellora da accesibilidade no recorrido de conexión entre a rúa do Rego e a Travesía do Porto (O Milladoiro), así como melloras de estradas e accesos en Pedras (Ames), Eirapedriña (Bugallido), Vilar-Quintáns (Ameixenda) e Trasmonte. Nestes proxectos investiranse un total de 1.152.131,60 euros.

Blas García, engadiu que "os Concellos grandes, pequenos e medianos da provincia da Coruña, non poderíamos acometer moitas das obras que facemos se non fose polo apoio da Deputación Provincial. Recoñecemos especialmente o labor de axuda da Deputación nun momento tan difícil como o actual e as distintas fórmulas que estableceu para axudar ao sector económico e aos autónomos".

Apoio institucional ao sector cultural

O Concello de Ames conta con 290.169,48 euros da Deputación da Coruña, a través do POS+ de 2020 e 2021, para facer reparacións e obras de acondicionamento nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Na súa intervención, Xosé Regueira destacou a necesidade de contar con infraestruturas culturais de calidade culturais de calidade "nun concello como o de Ames que conta con dous núcleos urbanos e cunha poboación crecente e nova que ten que ter ao seu dispor equipamentos para achegarse á cultura que é un dereito social". Neste sentido, destacou tamén a relevancia do compromiso das administracións co sector cultural que precisa tamén de apoio para a súa recuperación despois da crise provocada pola pandemia.

"Non temos dúbida de que é un sector que precisa o apoio institucional que se materializa, por exemplo, coa programación de cultura ao vivo nos concellos e, neste sentido, desde a Deputación da Coruña temos a Rede Cultural como ferramenta de especial relevancia para a contratación e espectáculos e a empregabilidade no mundo da cultura", sinalou Xosé Regueira. Ao respecto, destacou que o Concello de Ames contratará espectáculos este ano por un orzamento de 44.545 euros, por medio da Rede Cultural, e recibirá tamén apoio da Deputación da Coruña para programas como o Festival Millarock e o Festival Internacional de Cine Infantil "Cine Miúdo".

Deste xeito, a través do POS+ 2020 vanse a realizar obras de reparación e mellora das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro por valor de 114.677,41 euros. Dito proxecto está actualmente en fase de licitación despois de que a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobase o pasado 4 de marzo o expediente de licitación. Algúns dos traballos que se realizarán na Casa da Cultura do Milladoiro a través deste proxecto atinxen ao cambio de alumeado do vestíbulo de entrada ao edificio; o cambio das varandas existentes na primeira planta do auditorio, que non permiten ver adecuadamente o escenario; melloras nos despachos existentes e na sala de usos múltiples e traballos e pintado no edifico.

No caso da Casa de Cultura de Bertamiráns, preténdese levar a cabo varias actuacións, consistentes no cambio do alumeado do auditorio. Ademais, vanse substituír todas as portas interiores por unhas novas; substituirase o pavimento, o falso teito e o alumeado no distribuidor da primeira planta. Por último, na zona de acceso lateral ao escenario do auditorio vaise reorganizar o espazo executando as divisións precisas para ter un almacén, unha zona de acceso ao escenario e unha sala de lactancia, que contará cun cambiador para bebés.

Por outra banda, a través do POS+ 2021 a Deputación achega 175.492,07 euros, para executar traballos de reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns. As obras incluirán a retirada da antiga e nova execución da cuberta, a colocación de canalóns e baixantes novas, as reformas dos aseos, climatización da primeira planta, renovación de falsos teitos, reforma da cafetería, substitución do alumeado interior e cambio de estores.

As Casas da Cultura: ferramenta para a promoción cultural

A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou que as infraestrutura están vinculadas ao nivel de desenvolvemento dunha comunidade e, concretamente as culturais "son unha ferramenta importantísima para a promoción cultural, xa que é a que lle dá visibilidade á programación, é a base da cultura, e máis nun territorio coma o noso"

"En Ames temos importantes problemas de espazo, e as infraestruturas culturais así o evidencian, de aí a importancia de investimentos, xa que sendo pequenos incentivos económicos, son moi necesarios, e incluso insuficientes, pero esta ten que ser unha aposta anual, non podemos limitar nestes case 300.000 euros, en dous espazos, que acollen na maioría do casos case toda a nosa programación cultural", apuntou a concelleira.

Para Natividade Gónzalez, as casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro, "son o primeiro contacto, a cara visible do noso Concello, por aquí se achegan, as compañías artísticas, bandas de música, espectáculos diversos, os usuarios, veciños e veciñas que se achegan a elas, a pesar de ter unha programación cultural, que esta validada dentro dos mellores circuítos. Se Ames medra coa cultura, e os nosos espazos tamén teñen que medrar con nos", apuntou a concelleira.