Estás en:Novas

O grupo Oîma abre o programa Maio Jazz de Cultura da Deputación da Coruña no Teatro Colón

O domingo día 2 de maio bota a andar o programa que ofrecerá catro concertos todos os domingos de maio arredor deste 30 de abril, Día Internacional do Jazz

Pablo Sanmamed, Margarida Mariño e María Toro completarán o programa

Os concertos poderán seguirse en directo a través do Youtube da Deputación da Coruña

O grupo Oîma abre o programa Maio Jazz de Cultura da Deputación da Coruña no Teatro Colón

O grupo Oîma co seu primeiro traballo "Ala!" abren este 2 de maio o programa Maio Jazz da área de Cultura da Deputación da Coruña que ofrecerá catro concertos no Teatro Colón da Coruña todos os domingos ás 20.00 horas, nun ciclo que se celebra arredor deste 30 de abril, Día Internacional do Jazz. A entrada é libre previa reserva e os concertos poderán seguirse en directo no Youtube de Cultura da Deputación da Coruña.

A proposta de Oîma, o trío de músicas para baile de tradición galega e europea formado por Antía Ameixeiras (violín), Olalla Liñares (clarinete) e Martiño Senande (acordeón diatónico) abre este domingo día 2 de maio o ciclo Maio Jazz da área de Cultura da Deputación da Coruña. No concerto presentarán o seu primeiro disco, "Ala!", unha viaxe no tempo e no espazo, unha reivindicación da música instrumental.

Oîma é unha proposta musical concibida tanto para escoitar como para botarse a bailar. A través deses tres instrumentos achégannos música tradicional e tamén de composición propia, ligando os ritmos galegos (muiñeira, xota, pasodobre, valse) cos doutras latitudes (chapeloise, scottish, bourrée, rachenitsa). Xuntáronse no 2015 e desde aquela pisaron unha chea de escenarios, tanto en formato concerto como en formato balfolk, pero non foi até Decembro de 2019 que editaron o seu primeiro disco, "Ala!".

Na presentación do programa, Antía Ameixeiras de Oîma anunciou que o actuación do domingo será un espectáculo que vai contar con videocreación en directo que formará parte dun "concerto moi especial de estrea co que agardamos que o público goce xa que a idea é transmitir moitas sensacións", dixo.

Debido á limitación de aforo a causa da pandemia, é necesario reservar as entradas até completar as prazas dispoñíbeis e, de todas maneiras, os concertos serán retransmitidos en directo.

A seguir, o ciclo continuará o día 9 con Pablo Sanmamed e o seu espectáculo "Ben Vennas Maio" para darlle paso o día 16 a "Cello&Electronics" de Margarida Mariño antes de que o 30 de maio María Toro peche con "Fume" esta primeira edición do ciclo.

"Comprácenos presentar un novo ciclo, en primeiro lugar, porque, neste tempo xa é unha boa noticia dar conta de algo que nace porque apunta ao proceso de recuperación que a música ao vivo precisa e, máis aínda, se é un programa da calidade que agora presentamos e que fala da altura da música de jazz que se fai no noso país", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

As entradas de todo o ciclo están dispoñíbeis en: https://teatrocolon.sacatuentrada.es/

A ligazón do concerto no Youtube de Cultura da Deputación da Coruña é a seguinte: https://www.youtube.com/watch?v=jlmn28_G8iQ

Páxinas suxeridas