Estás en:Novas

A Deputación destina case 3 millóns de euros para mellorar a seguridade en estradas das Pontes, Zas, Oza-Cesuras, Ares e Santiago

O pleno do ente provincial, celebrado esta mañá, aprobou por unanimidade o investimento, que permitirá construír sendas peonís en Ares, Zas e Santiago de Compostela co obxectivo de configurar novos espazos para que os peóns circulen sen riscos por vías moi transitadas

Tamén se levarán a cabo tarefas de ampliación de plataformas e mellora do seu trazado nos municipios das Pontes e Oza-Cesuras

Na sesión plenaria tamén se deu luz verde por unanimidade ao catálogo de estradas da rede de titularidade provincial, que conta con 2.060 quilómetros repartidos nun total de 412 estradas

A Deputación destina case 3 millóns de euros para mellorar a seguridade en estradas das Pontes, Zas, Oza-Cesuras, Ares e Santiago

FOTO (ARQUIVO): Visita do presidente á estrada Ares-Redes, que contará cunha nova senda peonil

A Deputación da Coruña destina 2.785.062 euros para a ampliación e mellora da seguridade viaria en estradas das Pontes, Zas, Oza-Cesuras, Ares e Santiago de Compostela. O pleno provincial aprobou hoxe por unanimidade este importante investimento en materia de infraestruturas provinciais.

Un orzamento que permitirá crear sendas peonís e beirarrúas en vías que na actualidade non gozan de espazos dirixidos ao tránsito de peóns e peoas, supoñendo esta situación un risco para estes. Tamén se levarán a cabo tarefas de ampliación de estradas, aumentando deste xeito a súa capacidade e incrementando a seguridade daqueles vehículos que discorran por elas.

Senda peonil na estrada de Baio a Laxe, en Zas

Este proxecto permitirá dotar a estrada DP-4001 de Baio a Laxe, no municipio de Zas, dunha senda peonil de 2 metros de ancho. A iniciativa conta cun presuposto provincial de 183.731,71 euros.

As actuacións para incrementar a seguridade na zona levaranse a cabo no tramo comprendido entre o inicio da vía, na intersección coa AC-430, e o núcleo de Fornelos, lugar onde se configurará a senda e que beneficiará a poboación desta zona residencial, que agora mesmo non dispón de beirarrúas nin outros espazos dirixidos ao seu tránsito a pé. O ente provincial dedica ademais 37.312 euros para levar a cabo as expropiacións de terreos necesarias para levar a cabo a iniciativa.

Mellora do firme da DP-7009 ao seu paso polas Pontes

Por outra banda, a Deputación dedica 230.163,47 euros á mellora do firme da estrada provincial DP-7009 nas Pontes, coa renovación da zapa de rodaxe con mestura bituminosa en quente.

A dita actuación na plataforma permitirá incrementar a súa capacidade e regularidade superficial nun tramo de máis de 2 quilómetros. Fortalecerase a seguridade na vía engadindo barreiras metálicas en zonas de desnivel.

Ampliación da vía de Serra de Abaixo a Porzomillos, en Oza-Cesuras

As tarefas de mellora da seguridade viaria na DP-3601 de Serra de Abaixo a Porzomillos, en Oza-Cesuras, permitirán ampliar o ancho medio da estrada de 4 metros a 8 metros nos tramos comprendidos entre o seu inicio e o núcleo de Callobre, e entre a saída do núcleo e a intersección coa vía municipal que conecta co lugar de Limiñón (Abegondo), na DP-0105.

A iniciativa contará cun presuposto de 699.092,56 euros aos que se suman os 94.866,80 euros das expropiacións que é preciso realizar para poder executar as obras.

Nova senda peonil de Ares a Redes

A estrada DP-0401 de Ares a Redes, no termo municipal de Ares, non conta na actualidade con ningunha zona habilitada para o tráfico de peóns e peoas nin beiravías. Co obxectivo de dar resposta a esta situación nunha vía que conta con elevado tránsito, especialmente na tempada de verán, a Deputación dedica 748.038,49 euros á construción dunha senda de 2 metros de anchura e 200 metros de longo na marxe dereita da plataforma. Os traballos tamén reporán os servizos afectados e a canalización de pluviais.

A Deputación tivo que ter en conta as condicións esixidas pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia na disposición da ruta, xa que a súa instalación non podía afectar ao peche da Villa Santa Amalia, edificio catalogado patrimonialmente.

O proxecto tamén se adaptou ás condicións de autorización de Augas de Galicia, adaptando as obras de drenaxe transversal existentes á sección de 1 metro de diámetro.

Para levar a cabo as tarefas será preciso a expropiación de terreos, para o que a Deputación dedica 11.010,30 euros.

Beirarrúas na DP-7809 de Santiago a Figueiras

Por último, o ente provincial tamén reserva unha partida de 754.129,97 euros para a execución dunha senda de máis de 400 metros de longo e 1,8 metros de ancho na estrada provincial DP-7803 de Santiago a Figueiras. A este presuposto hai que engadir tamén o das expropiacións necesarias para actuar, 26.717,15 euros.

A iniciativa levarase a cabo a través da ampliación da beiravía da estrada, que pasará do medio metro aos 2,8 metros. Dentro deste espazo reservarase un metro á beiravía e o restante á senda, que se dividirá en dous tramos (do PQ 0+000 ao 0+220 e do 0+570 ao 0+790).

Nas zonas nas que existen núcleos de vivendas executaranse beirarrúas con bordos. Ademais, co obxectivo de que a senda conte con todas as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas que circulen por ela, realizarase a separación da estrada a través de delimitadores de caucho e barreiras de seguridade de formigón.

O pleno provincial aprobou o catálogo de estradas da rede de titularidade da Deputación

O pleno provincial tamén deu luz verde hoxe por unanimidade ao catálogo de estradas da rede de titularidade provincial. Un documento que serve para identificar e inventariar as estradas pertencentes á Deputación.

A lonxitude total desta rede é de 2.060,47 quilómetros repartidos nun total de 412 estradas, todas clasificadas como rutas convencionais.

Neste catálogo atópase a clasificación técnica das estradas provinciais, a súa identificación e denominación, os puntos iniciais e finais de cada un dos tramos que as constitúen e a súa respectiva lonxitude.

Páxinas suxeridas