Estás en:Novas

A Deputación da Coruña adquire un novo vehículo para o transporte adaptado dos usuarios da residencia de Aspronaga en Oleiros

A área de servizos sociais da institución provincial financia o servizo de enfermería deste centro e o mantemento de 8 prazas da residencia

Valentín González Formoso e Ana Lamas visitaron hoxe o centro para coñecer os servizos que apoia a Deputación e escoitar as súas necesidades

A Deputación da Coruña adquire un novo vehículo para o transporte adaptado dos usuarios da residencia de Aspronaga en Oleiros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, visitaron hoxe en Oleiros a residencia Ricardo Baró de Aspronaga, onde se presta atención continua a 71 persoas con discapacidade intelectual con grandes necesidades de apoio da comarca coruñesa.

O presidente de Aspronaga, Nicanor Álvarez, o xerente, Juan Fontenla, e o director do centro Ricardo Baró, Antonio Naya, foron os encargados de explicar ao presidente e a deputada os usos das diferentes instalacións e os servizos que ofrecen nos seus centros de Oleiros e A Coruña ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, algúns dos cales contan co apoio económico da Deputación.

Ademais desta residencia para persoas cun grao moi elevado de dependencia, Aspronaga xestiona en Oleiros o centro ocupacional e o centro de día Lamastelle e as residencias La Casa de Lamastelle e Martín Pou, nos que 215 persoas realizan diariamente actividades terapéuticas, de formación ocupacional ou rehabilitación psíquica e física para mellorar as súas capacidades e promocionar a súa autonomía persoal.

Segundo explicou Fontenla, Aspronaga completa os seus servizos ás persoas con discapacidade intelectual co centro de educación especial Nosa Señora de Lourdes e as vivendas tuteladas que a entidade xestiona na rúa Pla y Cancela da cidade da Coruña.

Valentín González Formoso e Ana Lamas coñeceron as instalacións do centro e os servizos cos que conta, como o de Rehabilitación e Enfermería, que a Deputación cofinancia a través das liñas de subvencións de servizos sociais.

O presidente da Deputación destacou o importante traballo que, desde a súa creación a principios dos anos 60, vén desenvolvendo Aspronaga na atención integral ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.

"Aspronaga foi a primeira entidade de Galicia en prestar atención especializada ás persoas con discapacidade intelectual e hoxe, case seis décadas despois, seguen sendo pioneiros na prestación de servizos que axudan a mellorar o benestar de centos de persoas e a impulsar a súa autonomía", afirmou González Formoso, que declarou a súa satisfacción por poder contribuír desde a Deputación a este importante labor e destacou o traballo das 220 traballadoras e traballadores do complexo.

Ademais de manter o seu apoio a distintos programas de Aspronaga, a Deputación concedeu á entidade o pasado 20 de abril un novo vehículo de transporte adaptado para persoas con mobilidade reducida, que permitirá o traslado dos usuarios para consultas médicas, terapias ou excursións que se realicen fóra do centro.

A Deputación financia ademais o mantemento de 8 das 71 prazas da residencia Ricardo Baró para persoas con escasos recursos económicos.

Páxinas suxeridas